
VALORACIÓN DAS FESTAS DE SAN FROILÁN 2007
Consello Local EU-IU
Esquerda Unida salienta, en primeiro lugar, a gran afluencia de visitantes que tivo a cidade e a importante participación de público local e foráneo na edición das festas de San Froilán 2007, favorecidas, sen ningunha dúbida, polo bo tempo e unhas temperaturas primaverais que foron moi de agradecer nestas datas. As actividades desenvolvidas, especialmente a gratuidade da maioría dos concertos, a afluencia de participantes e as tradicionais casetas e barracas consolidaron ao longo dos anos ás nosas festas patronais como as máis importantes das celebradas en Galicia na actualidade.
Neste sentido, destacar a importancia da presenza das barracas, que atraeron a boa parte do público, incluído un sábado de prórroga que parecía un día máis da programación festiva.
Sen embargo, para Esquerda Unida hai que lamentar que as actuacións musicais, pese a contar con figuras de primeira fila, supuxesen un importante baixón con respecto a edicións anteriores, sendo en boa parte delas actuacións xa repetidas (Orishas, Mercedes Peón e Aute actuaron conxuntamente en 2003). No que fai aos concertos, EU-IU bota de menos unha maior aposta do goberno municipal polos grupos de Lugo, con calidade contrastada e algúns con proxección internacional, sendo as festas patronais o momento idóneo para trasladar aos visitantes a música que se fai na cidade. EU-IU critica que o argumento esgrimido para non contratar artistas lucenses sexa a suposta carestía do seu orzamento, tendo en conta que se falaba de contratar unha actuación internacional (é o caso de Iggy Pop), e cun mínimo porcentaxe dese orzamento ou do de calquera figura das presentes este ano, daríase cabida a varios artistas lucenses.
Con respecto aos concertos de pagamento, o dato máis negativo é o cobramento dunha comisión para as entradas expedidas a través dunha entidade bancaria, algo que non se debe repetir en próximas edicións, aínda que sexa necesaria a expedición de entradas a través do Concello.
No que fai ao polémico tema do "botellón" celebrado o sábado día 6, Esquerda Unida considera que o chamado "botellón" é un problema estrutural que atopa unha especial incidencia nunha cidade onde existe un establecemento de hostalería por cada 75 habitantes e onde a cultura do alcohol é unha constante ao longo da educación dos máis mozos. En Lugo, por citar un exemplo, foron desaparecendo paulatinamente os distintos cines ata reducilos a un centro comercial. É responsabilidade de toda a sociedade, desde os pais ás institucións, dar solución á actual carencia de alternativas, onde un valor en alza é "pasalo ben a toda costa" nunha sociedade de consumo baleira de contido, sen referentes nin modelos para os mozos, onde se fomenta beber alcohol, o ocio consumista e despois se lles reprime por elo. Co alcohol mantense un discurso hipócrita: por unha beira, apoian o seu consumo nos bares, pero perségueno nas rúas. É imprescindible sancionar a venta de alcohol a menores, retirando a licencia aos establecementos que incumplen a norma se é necesario.
Neste sentido, EU-IU lamentar tamén a excesiva presenza de furgóns policiais nas rúas durante os días posteriores ao "botellón", que supuxeron un acoso aos vendedores ambulantes. Pola contra, continúase sen controlar as habituais "carreiras" nocturnas de vehículos polas rúas de Lugo, especialmente pola Rolda da Muralla, co conseguinte perigo para os viandantes. EU-IU entende que é aí onde debería reforzarse a presenza policial.
Outro dos datos a ter en conta, xa habitual ano tras ano, é o oportunismo electoralista dunhas festas que institucionalizaron o cruzamento de declaracións sensacionalistas entre líderes políticos dos partidos maioritarios (Rajoy e Blanco, maiormente), ou dan continuidade ao populismo nacionalista dos últimos tempos, como a festa da Terceira idade patrocinada pola Consellería de Benestar Social.
Afortunadamente, o importante das festas é disfrutalas.
Afortunadamente, o importante das festas é disfrutalas.
No hay comentarios:
Publicar un comentario