A INFORMACIÓN QUE NON SAIU NOS MEDIOS DE COMUNICACIÓN
ESQUERDA UNIDA DE LUGO DUPLICA OS VOTOS CON RESPECTO A 2005
Crecemento xeralizado en toda Galicia, onde obtén 15.903 votos
Carlos Anxo Portomeñe
Á espera dunha valoración colectiva da Asemblea local e do Consello Local que se reunirá este xoves, é posible un primeiro achegamento aos resultados de EU nestas eleccións no municipio de Lugo.
Como xa vén sendo habitual, nin invitación a debates, nin anuncios, nin entrevistas, nin noticias nos medios, nin preguntas nas enquisas; eternamente relegados ao papel de "outros", Esquerda Unida sempre parte con desvantaxe en campañas electorais cada vez máis monopolizadas polas tres grandes partidos. Ademais, somos conscientes de que as eleccións autonómicas foron habitualmente as eleccións nas que peores resultados obtivo a nosa formación, sempre prexudicada pola maquinaria dos partidos con representación parlamentaria.
Sen embargo, grazas ao esforzo militante de simples traballadores que non viven da política, da súa constancia, da convicción nos seus principios e as súas propostas, Esquerda Unida é a única forza de esquerda en Lugo que medra en número de votos, obtendo algo máis do dobre de anteriores resultados de 2005. En concreto 668 votos, que supoñen o 1,23%, resultados que aumentarán co voto CERA (Censo Electoral de Residentes Ausentes). Confírmase polo tanto o ascenso de EU-IU, que medra modesta pero significativamente por terceira vez consecutiva, despois de ter aumentado os sufraxios na eleccións xerais 2008 (malia o descenso de IU en todo o Estado) e nas eleccións municipais de 2007.
Non é un tópico agradecer o voto. Sobre todo cando se exerce con presións, con saturación mediática, con información sesgada. Esquerda Unida toma nota da mensaxe que lle envían os seus electores. Non cederá no empeño de dar un aire novo ao Concello de Lugo dentro de dous anos e tres meses, nas vindeiras eleccións municipais. E nese sentido tamén reclamará o apoio dese importante número de votos en branco que hai no municipio (1.335; 2,43%) e que demostran que existe desencanto pola política tal e como está concibida actualmente. Non todos somos iguais, uns son máis iguais ca outros.
Esquerda Unida demostra ser unha forza política capaz de facer fronte ás dificultades e amosa que está dotada para desenvolver actividade política e expoñer alternativas para Lugo malia carecer de representación no Concello. Tamén en Galicia, incluso desde o ámbito parlamentario malia carecer de representación, onde foi capaz, nin máis nin menos, que de presentar en ponencia parlamentaria un proxecto articulado de Estatuto (aquelo do que nin sequera foron capaces PSOE e PP) eloxiado polos tres partidos maioritarios. Ademais, presentamos a nosa proposta de reforma electoral (outra promesa incumprida do bipartito) a todos os partidos, e unha Iniciativa Lexislativa Popular (ILP) que foi rexeitada pola Mesa de Parlamento. Tamén fixemos chegar ao ex-goberno autonómico a proposición para o recoñecemento institucional dos represaliados polo franquismo, pese ao cal Galicia segue sendo a única comunidade que aínda non o fixo.
Por suposto, actividades e propostas que pese á súa importancia non foron recollidas nos "plurais e democráticos" medios de comunicación da nosa cidade, malia que o artífice de todas elas foi un lucense: o mesmo que asina este escrito.
En canto aos resultados electorais, en Lugo confirmouse o que EU afirma desde a constitución do actual goberno municipal en 2007: que o PP goberna de feito, aínda que non de dereito. Ningunha política é aprobada sen o beneplácito do PP, ben cando asina acordos co PSOE ou ben cando os asina co BNG, mentres estes dous non son capaces de poñerse de acordo en nada. A política de dereitas do goberno municipal está abrindo as portas ao PP no Concello e diso serán responsables os mesmos partidos que perderon o goberno da Xunta.
Esquerda Unida, pese á "invisibilidade" á que foi condeada nas cada vez máis longas campañas electorais, comenza a ser percibida como unha alternativa para dotar á corporación local de novos aires. Nin afrouxaremos nin defraudaremos.
No hay comentarios:
Publicar un comentario