lunes, 23 de febrero de 2009

ESQUERDA UNIDA DENUNCIA A INSTALACIÓN DE DECENAS DE CÁMARAS DE VIDEOVIXILANCIA POR PARTE DO CONCELLO

O Concello de Lugo solicitou permiso para 55 cámaras de videovixilancia nas rúas lucenses e anunciou 17 máis, que se sumarían ás xa existentes. Hai que destacar que xa existen outras cámaras en diversos puntos da cidade, entre elas as instaladas para control do aluguer de bicicletas.

Esquerda Unida considera que a instalación de cámaras de videovixilancia supón a violación dos dereitos fundamentais, pois supón unha inxerencia na intimidade das persoas. Esquerda Unida pregúntase se o alcalde quere suplir a ausencia de policías locais nas rúas da cidade con polémicas cámaras de seguridade. Os xuristas falan sobre a constitucionalidade da instalación de cámaras de vigilancia. O propio ex-presidente do Tribunal Constitucional, Manuel Jiménez de Parga, considera que hai «visos de inconstitucionalidade» na instalación de cámaras dun xeito xeneralizado. De feito existen dúas sentencias do Tribunal Constitucional que garantizan "un dereito ao segredo, a ser coñecido, a que os demáis non saiban qué somos ou que facemos", vedado a terceiros, "sean particulares ou poderes públicos", sinala este xurista.

Esquerda Unida quere lembrarlle ao goberno municipal que o Xulgado do Contencioso Administrativo número 1 de Santiago de Compostela ordenou en setembro de 2008 a retirada de seis cámaras de vixilancia instaladas no casco histórico da cidade por incumplir a normativa, logo dun recurso presentado polo Movemento polos Dereitos Civís (MpDC).

Esquerda Unida recoñece que o vandalismo, especialmente o que afecta aos monumentos da cidade, é un problema que debe atallarse, pero lembra que vandalismo a pequena escala non é o mesmo que delincuencia, e que coa disculpa de frealo non se pode poñer en perigo os dereitos básicos da cidadanía en xeral, con grabacións que durarán semanas nos arquivos e que quebrantan o dereito á intimidade dos/as lucenses. Debera servir de exemplo a polémica xurdida hai anos por unha cámara de tráfico na porta se San Fernando que levou o caso aos medios de comunicación estatais. O vandalismo a pequena escala é un problema de civismo e educación, que debe atallarse mediante políticas de sensibilización, especialmente nos centros educativos, ademáis de ofertas de ocio alternativas e inculcación de valores, e non mediante métodos coercitivos que van en prexuízo da maioría da sociedade.

EU-IU considera inadmisible a obsesión do alcalde coa suposta inseguridade de Lugo, nunha das cidades máis tranquilas, con mayor seguridade e menor delincuencia de España. O alcalde xa anunciara hai meses a súa proposta fallida na FEMP de reformar o código penal para tipificar como delito os actos de gamberrismo contra os monumentos, ademáis do desenvolvemento dun número desmedido de policías no San Froilán que non evitaron, como pretendían, a venta ambulante. Non se entende un dispositivo de videovixilancia de tal magnitude, que custa aos/ás lucenses centos de miles de euros cando existen prioridades no gasto, especialmente agora en época de crise. Neste sentido o goberno municipal debe dar a coñecer canto lle vai costar en euros aos lucenses que se viole a súa intimidade.

López Orozco sempre manifestou en público a súa admiración polo ex-alcalde conservador de Nova Iorque, Rudolph Giuliani, que baseou o seu mandato na "tolerancia cero" e pasou á historia da cidade polo enorme número de denuncias na súa contra pola violación de dereitos fundamentais. Polo seu comportamento en distintos temas, exemplo da problemática cos funcionarios do Concello e coa policía local, ademais da súa obsesión pola seguridade, moitos lucenses xa falamos do "Sheriff" Orozco.

Esquerda Unida considera que, de ser necesarias cámaras de videovixilancia para vixilar que non se cometan delitos, éstas deberan situarse nos despachos dalgunhas institucións e dalgúns dos seus responsables, ao mellor dese xeito se garantizaría aos lucenses a necesaria transparencia que deben ter ditas institucións.

No hay comentarios:

Publicar un comentario