lunes, 18 de enero de 2010

ESQUERDA UNIDA APOIA AS MOBILIZACIÓNS EN CONTRA DO DECRETO DO GALEGO E NA DEFENSA DA NOSA LINGUA E CHAMA A CIDADANÍA A MANIFESTARSE

EU REXEITA AS BASES PARA O DECRETO E AS CONSIDERA UN ATAQUE POLÍTICO SEN PRECEDENTES CONTRA A NOSA LINGUA E A NOSA CULTURA

ESQUERDA UNIDA RECLAMA A RETIRADA DAS DEVANDITAS BASES E A APERTURA DUN AMPLO DEBATE SOCIAL PARA CONQUERIR UNHA PLENA E EFICAZ APLICACIÓN DA LEI E DO PLAN DE NORMALIZACIÓN LINGÜÍSTICA

Esquerda Unida, organización política que forma parte da plataforma Queremos Galego, saúda a convocatoria de folga no ensino convocada por distintas organizacións sindicais como CCOO, STEG ou CIG para o vindeiro xoves 21 de xaneiro na defensa da nosa lingua, ao tempo que anuncia o apoio á manifestación que se iniciará na compostelá praza da Alameda as 11:30 h.

A nosa organización considera o decreto contra o galego, que pretende aprobar o goberno do PP, un ataque político sen precedentes contra a nosa lingua e a nosa cultura. O devandito decreto traerá consecuencias negativas para a nosa lingua, o alumnado e a propia sociedade.

Esquerda Unida denuncia que o decreto, ademais de ser inxusto, incumpre toda normativa de rango superior ao contravir a proteción do galego. Este decreto traerá como consecuencia a paulatina desaparición do galego, pois cando se pretende equipar dúas linguas en situación de desigualdade, sucede que a máis débil desaparece, como así o recolle o Informe do Consello da Cultura Galega, que advirte de que "en ningún caso se deben tomar medidas que supoñan pasos atrás no proceso de recuperación do galego" e que a nosa lingua “precisa dun apoio especial para superar a súa posición actual de desvantaxe”.

Nembargantes, o PP pretende impor a sociedade galega, rachando o consenso histórico, un decreto elaborado de costas a sociedade e a comunidade educativa, como mostra o feito de que o Goberno da Xunta de Galicia aprobou o borrador das bases do decreto, con premeditación e nocturnidade, en plenas festas do Nadal para evitar a contestación da comunidade educativa.

Esquerda Unida participará na manifestación do vindeiro 21 de xaneiro e chama a mobilización da cidadanía, especialmente a comunidade educativa, para demostrarlle ao PP que está a actuar de costas a sociedade galega.

A nosa organización reclama abrir un amplo diálogo social para conquerir unha plena e eficaz aplicación da lei e do plan de normalización lingüística no que ninguén se sinta excluído, polo que en aras da concordia e o entendemento solicita ao PP a retirada das bases do decreto, falazmente alcumado do plurilingüismo.

Gabinete de Prensa

Secretaría de Comunicación

Executiva Nacional de Esquerda Unida

No hay comentarios:

Publicar un comentario