domingo, 24 de octubre de 2010


A NECESARIA REXENERACIÓN DEMOCRÁTICA

Nunha entrevista concedida a La Voz de Galicia hai un ano, o alcalde de Lugo afirmaba que en Lugo non coñecía "ningún caso de corrupción política".

Parafraseando o famoso dito, en Lugo "habelos, hainos", o que sucede é que se prefire utilizar interesadamente o principio de presunción de inocencia penal para eludir a asunción de responsabilidades políticas. Por hixiene democrática, a estas alturas deberían ter dimitido xa unha boa cantidade de políticos lucenses.

As formas de corrupción varían, pero a nosa sociedade, desgraciadamente, familiarizouse coas máis comúns como a prevaricación, o tráfico de influencias, o suborno, a malversación ou o uso ilexítimo de información privilexiada, entre outros. Son famosos algúns casos de corrupción urbanística, práctica á que lamentablemente non é allea a nosa cidade e que está na xénese da actual crise económica. A acción decidida de varios colectivos lucenses, entre os que se encontra Esquerda Unida, permitiu poñer coto á impunidade coa que actuaban algúns construtores, políticos e funcionarios.

Pero en Lugo, ademais do urbanismo, os diferentes procesos xudiciais abertos nos últimos meses puxeron de manifesto a presunta existencia de endémicas prácticas de clientelismo e corrupción. Hai abertas simultáneamente varias causas xudiciais con centos de imputados. Soa duro, pero o sixilo con que operan tramas de tal magnitude só é comprensible pola existencia dun pacto de silencio non escrito entre diferentes sectores da cidade: unha "omertá", en termos mafiosos.

É preciso sinalar que algunhas actuacións políticas serviron e serven para os máis diversos obxectivos: en ocasións para o enriquecemento persoal, outras veces para determinado beneficio empresarial, sen esquecer o financiamento das actividades dalgúns partidos políticos. En ocasións xorden tramas que combinan as tres posibilidades xerando curiosas coincidencias de intereses. E nestas tramas vense envolvidas forzas políticas de distinto signo que esquecen as súas supostas diferenzas ideolóxicas pola súa conveniencia común.

A corrupción tamén facilita a miúdo outro tipo de feitos criminais como o tráfico de drogas, o lavado de diñeiro ou a prostitución. Que ninguén se sorprenda na nosa cidade por unha posible relación entre casos tan dispares como a prostitución e o urbanismo.

Dende unha análise estritamente política, é preocupante a imputación de cargos públicos e as sospeitas sobre a posible implicación de políticos en varias das tramas citadas. Logo escudaranse en frases como "sempre se fixo" ou en supostas persecucións políticas. Será o recurso da impotencia. É de esperar que a xustiza poida actuar ata o final a pesar dos obstáculos, as trabas e as presións que exercen determinados poderes económicos, mediáticos e políticos da nosa cidade. Por iso é de agradecer, no concreto, a decidida e determinante actuación de dúas xuízas convencidas do valor supremo da Xustiza.

Os escándalos non se evitan escondéndoos baixo a alfombra, senón rexeitando cometer o delito. Contra a corrupción non pode haber tregua. O único xeito de erradicar as prácticas corruptas é afrontando decididamente a súa denuncia e a súa persecución co compromiso de todos. E, por suposto, a necesaria rexeneración democrática mediante outra forma completamente distinta de facer política. Niso estamos.

Carlos Anxo Portomeñe Pérez

Membro da Presidencia federal de IU e da Executiva Nacional de Esquerda Unida.

No hay comentarios:

Publicar un comentario