jueves, 15 de septiembre de 2011

Esquerda Unida - Lugo presenta moción contra a reforma constitucional no Concello


Hoxe, xoves 15 de setembro, o noso compañeiro Carlos Portomeñe presentou no Concello unha moción contra a reforma constitucional pactada por PSOE e PP. Pasamos a repoducir o contido da mesma.

EXMO. SR. ALCALDE PRESIDENTE DO CONCELLO DE LUGO


CARLOS ANXO PORTOMEÑE PÉREZ, en nome e representación de ESQUERDA
UNIDA, con DNI XXXXXXXXXXX e domicilio a efectos de notificación en carril do Son, 3-
1º, presenta a seguinte Moción ao obxecto de ser incluída na orde do día do Pleno
ordinario e debatida no mesmo coa seguinte,


EXPOSICIÓN DE MOTIVOS


A reforma da Constitución presentada por PSOE e PP o pasado día 26 de agosto,
consiste en limitar no propio texto constitucional o déficit e a débeda das
administracións públicas para garantir, por mandato constitucional, a chamada
estabilidade orzamentaria. Esta proposta forma parte do paquete de medidas
ultraliberais que os alcumados mercados e a Comisión Europea están a reclamar dos
gobernos europeos como supostas medidas de superación da crise económica.


Con independencia de que, como se amosou, as sucesivas iniciativas adoptadas
seguindo as esixencias dos poderes financeiros non achegan nen indicios nen
realidades de que axuden a superar a crise e se volva a crear emprego e se recuperen
os servizos públicos; xa que logo PP e PSOE non teñen outra pretensión que frear e
desmontar o endeble Estado do benestar que aínda temos. Establecer un teito ao
déficit público sen tomar decisións sobre os ingresos públicos, sen asumir unha
reforma fiscal progresiva, sen gravar de xeito efectivo e progresivo ás rendas do
capital, sen atacar o fraude fiscal, supón atacar de xeito directo os servizos públicos,
os cales por mandato constitucional deben se prestar á cidadanía.


O gasto público é o que determina o acceso da cidadanía á educación, á sanidade,
á xustiza, aos servizos sociais,... en definitiva a todas e cada unha das prestacións as
que temos dereito e que conforman a condición de cidadanía nun Estado Social. Falar
de gasto público sen atender aos ingresos e tomar a decisión de estabelecer un tope
para o déficit é limitar os investimentos que precisan as nosas sociedades.


A medida pactada polo PSOE e o PP amosa a submisión de ambos partidos aos
intereses dos mercados e constata ad nauseam as escasas diferenzas en materia de
política económica. Tal e como recoñecen ambas organizacións políticas a
Constitución refórmase para " acougar aos mercados". Non se reforma para garantir
máis xustiza social nen para garantir mellores servizos públicos, emprego estable e con
dereitos ou vivenda digna para todas as persoas que a necesitan neste Estado.


Refórmase a Constitución para fixar o ideario ultraliberal que se impón neste modelo
de construción europea, que busca rematar cos sistemas públicos de protección social
e as conquistas sociais conqueridas no último seculo polas loitas obreiras e populares.
Unha medida desta importancia non debería poder ser adoptada polo mero acordo
entre PSOE e PP, aínda que sexan estes os dous partidos maioritarios e teñan os
escanos suficientes para impoñela, escanos que teñen porque entre outras cuestións
padecemos unha lei inxusta e antidemocrática. Os dous partidos en apenas unhas
horas de negociacións rachan o consenso constitucional de costas ao país real.


A modificación da Constitución do PSOE e PP afectará de xeito moi negativo aos
restos do Estado de benestar. Estado do benestar que predominantemente se financia
cos orzamentos das comunidades autónomas que se atopan tamén cunha imposición
sen consulta ou negociación. Ao igual que os concellos que financian tamén unha parte
de competencias chamadas impropias. Limitar o gasto público implica limitar os nosos
dereitos e prestacións sociais, cando aínda nos atopamos no furgón de cola do gasto
social na Unión Europea, aoredor de 7 puntos de PIB anuais que deixan de producir
escolas, centros de sáude, xulgados, centros públicos de atención á dependencia, etc.


Por outra banda, aínda que se fala en xenérico de gasto público, a realidade é que se
acentuará de xeito drástico o recorte do gasto social, xa que a reducción de gastos e
os recortes caerán sobre pensións, sobre a creación de emprego, sobre os servizos
públicos como a educación, a sanidade, os servizos sociais, a vivenda, e os demáis
compoñentes do Estado do benestar.


Aínda que sexa legal, esta contrarreforma non é lexítima. Vulnérase a democracia
cando unha contrarreforma deste calado, que tanto balbordo está a producir incluso
no seo dos promotores, se aproba cando restan apenas dous meses de lexislatura.
PSOE e PP pactan unha gravosa hipoteca ad futurum para as xeneracións presentese vindeiras e o queren facer sen permitir que alomenos a cidadanía exprese o seu
parecer mediante a realización dun referéndum.


A cidadanía debemos ter a posibilidade de votar nun asunto fundamental; así sería se
houbese democracia real. Se a proposta de PSOE e PP supera os trámites no
Congreso e Senado, a única opción que nos resta á cidadanía é a consulta en
referéndum para o que se necesita alomenos que unha décima parte dos membros
de calquera das cámaras solicite a celebración do devandito referéndum. Xa que logo,
o Esquerda Unida de Lugo presenta para o seu debate no Pleno da Corporación a
seguinte proposta de Acordos:


− Primeira.- O Pleno do concello de Lugo acorda dirixirse ás deputadas e
deputados do Congreso e ás senadoras e senadores do Senado para que, no
caso de que a proposta de contrarreforma constitucional supere os trámites nas
respectivas cámaras lexislativas, soliciten que se someta a referéndum para a
súa ratificación.


Lugo, 16 de setembro de 2011.

No hay comentarios:

Publicar un comentario