lunes, 7 de noviembre de 2011

EU-V PRESENTA AS SÚAS PROPOSTAS EN MATERIA DE IGUALDADE



A situación das mulleres na provincia de Lugo é preocupante. No terreo laboral duplicamos a tasa de desemprego masculina, temos menor tasa de actividade, menor afiliación á seguridade social e tamén unha grande diferencia salarial respecto dos homes. Isto vese agravado porque as mulleres na provincia están abocadas ao sector servicios, con traballos menos cualificados e cunha contratación temporal, que xunto cos baixos salarios repercutirán nas cotizacións e despois nas pensións. En canto á violencia, vemos como algo preocupante os diferentes casos sobre explotación sexual na provincia sen que haxa ningunha intención clara por parte das institucións de erradicala e darlle dereitos sociais as víctimas da trata.

    Temos claro que a nosa independencia económica, a estabilidade laboral e a igualdade salarial ten hoxe máis sentido, se cabe, pois hai un intento inpune de arrebatarnos non só todos os dereitos conqueridos ata o de agora, senón tamén todas aquelas reivindicacións feitas polas mulleres.

    Neste contexto, debemos afrontar a construcción dunha sociedade que invirta en benestar social, a través dun presuposto público progresivo que redistribúa a riqueza e os recursos; unha sociedade que faga inversión pública en infraestructuras sociais; que teña como pilar o emprego; como meta rematar coa brecha salarial entre homes e mulleres e coa precarización dos sectores máis feminizados; unha sociedade que desenvolva unha democracia participativa onde as mulleres podamos incidir directamente no fondo e na forma da política.

    Por todo isto, desde Esquerda Unida-Os Verdes propoñemos, entre outras:

- A erradicación da brecha salarial entre homes e mulleres, establecendo mecanismos de control claros que impidan ditas discriminacións.

- A loita contra a segregación laboral e a precarización dos sectores máis feminizados.

- A construcción dunha rede de servicios públicos que posibiliten a conciliación da vida laboral e privada.

- A modificación da Lei Integral que recoñeza a violencia de xénero en todas as súas manifestacións, e a defina como un atentado contra os Dereitos Humanos.

- O desenvolvemento de políticas activas contra a explotación sexual das mulleres e pola abolición da prostitución.

- A prohibición dos anuncios e da publicidade de prostitución.

No hay comentarios:

Publicar un comentario