miércoles, 9 de noviembre de 2011

EU-V PROPÓN UNHA REVOLUCIÓN AMBIENTAL

 

Nueva imagen

 

Ao longo destes anos temos asistido a unha dobre moral en materia medioambiental e nas políticas aplicadas á nosa contorna, tanto por parte das distintas administracións e institucións como por parte dos partidos maioritarios. É habitual que digan unha cousa e fagan a contraria.

Din que hai que reciclar, reutilizar e reducir pero o modelo que impoñen é o de SOGAMA, o da incineración con emisión de dioxinas en oposición ás tres "R". Hai que manter as nosas costas limpas e protexidas, pero so en Barreiros, cunha poboación de 4.000 habitantes, se deron nun ano licenzas para máis de 3.500 vivendas, con visado para máis de 6.500. Fomentáronse, ademais, as piscifactorías en primeira liña de costa como a ubicada en Xove, coa consabida contaminación. Outro caso paradigmático é o que acontece no Caurel, un dos territorios de maior biodiversidade de Galicia, protexido oficialmente pero levando adiante unha "política solapada" de despoboamento interesado e devastación co único obxecto de favorecer os intereses de empresas privadas. Mostra disto foi a legalización da maior pizarreira por considerarse "compatible" co medio ambiente.

Por estes e moitos outros despropósito, Esquerda Unida-Os Verdes propón cambiar as tendencias do crecente consumo de recursos naturais, do incremento de emisións e aumento de traballo en precario para lograr o desenvolvemento social e ecoloxicamente sustentable dentro dun modelo económico concibido para atender as necesidades básicas das persoas. Precisamos unha sociedade que impulse o desenvolvemento humano, un territorio que cumpra as súas funcións ambientais e unha relación dos seres humanos coa natureza que garanta a integridade dos ecosistemas.

Para iso, é fundamental a propiedade e a xestión pública dos recursos naturais estratéxicos: auga, enerxía, aire e chan, evitando que se convertan en mercadorías. Impulsando as enerxías renovables, o "emprego verde" e o apoio a novas fórmulas de economía solidaria.

Así mesmo, o fin da era do petróleo barato debe levarnos a unha profunda reflexión sobre as alternativas enerxéticas e situar como eixo central de todo debate a necesidade de expor unha planificación democrática da economía e dos recursos. Unha planificación que atenda a criterios de demanda e necesidade cunha perspectiva de xustiza social e de repartición da riqueza. Entendemos prioritario cubrir as necesidades básicas do conxunto da poboación actual sen comprometer a satisfacción desas mesmas necesidades por parte das xeracións futuras.

Algunhas das PROPOSTAS de EU-V son:

-Reformaremos a lei do solo, introducindo criterios claros de obrigado cumprimento por parte das distintas autonomías, como o respecto pola particularidade, a biodiversidade, os recursos e a habitabilidade. Cunha regulamentación clara e reforzada, de forma que os plans de ordenación autonómicos e municipais manteñan a súa independencia, pero dentro dun marco previamente planificado e regulado que atenda ás necesidades de protección do medio e suficiencia de recursos.

- Estableceremos un modelo enerxético de enerxías renovables, descentralizado e público, xerando de forma distribuída a electricidade, producíndoa preto do consumo, con redes de distribución de proximidade de ámbito municipal e comarcal.

IMPULSAREMOS A ENERXÍA FOTOVOLTAICA en teito, SOLAR térmica para climatización e auga sanitaria; así como outro tipo de enerxías como a minieólica e xeotérmica, etc.

-Programa de peche de todas as centrais nucleares. Pecharemos, en primeiro lugar, todas as centrais nucleares, e en segundo lugar exporemos unha estratexia clara de xestión dos residuos nucleares que atenda a principios de seguridade e responsabilidade.

- Crearemos unha lei xeral de transporte sustentable que aposte polo sistema multimodal e integral de transporte, de carácter universal e público, que promova e abarate o transporte público colectivo, impulsando especialmente o criterio de a pé, en bicicleta ou en tren. Impulsaremos que o transporte motorizado se efectúe esencialmente por vía férrea, tanto no caso das persoas como no das mercadorías

- Garantiremos a XESTIÓN PÚBLICA da auga. A auga é un ben común que debe xestionarse como un recurso público non mercantil, un ben universal con acceso garantido como un dereito humano.

- Pelexaremos por unha Nova Política Agraria Común, PAC, na Unión Europea, capaz de defender a agricultura familiar, protexer o medio ambiente e pór coto ao control da cadea agroalimentaria por parte de grandes empresas. A reforma da PAC ofrece a oportunidade de reorientar o modelo agrogandeiro e que as políticas agrarias e alimentarias se establezan no marco da soberanía alimentaria.

- O 78% das vivendas construídas nos últimos dez anos na provincia de Lugo están baleiras. Propoñemos o ALUGUER SOCIAL, principal camiño para a satisfacción do dereito constitucional da vivenda.

 

g14232

MÁIS PROPOSTAS SOBRE MEDIO AMBIENTE NO PROGRAMA DE EU-V:

http://izquierda-unida.es/sites/default/files/doc/Programa_Electoral_IU_2011_0.pdf

No hay comentarios:

Publicar un comentario