martes, 3 de julio de 2012

PROPOSTA DE EU EN MATERIA DE ENSINO

ESQUERDA UNIDA CONSIDERA INACEPTABLE QUE 74 NENOS E NENAS DE LUGO QUEDEN SEN PRAZA NO CENTRO EDUCATIVO SOLICITADO.
EU segue apostando pola creación dun Centro de Ensino Público no antigo Cuartel de San Fernando. 


 
    Un ano mais, rematada a Comisión de Escolarización do Concello de Lugo para o curso 2012/2013, son moitas as familias que non poden escolarizar aos seus fillos no centro educativo solicitado.
    De feito, 74 alumnos e alumnas lucenses non poderán matricularse no centro seleccionado en primeiro lugar para o vindeiro curso. Concretamente, os centros Públicos da Anexa, Illa Verde, Luís Pimentel, Quiroga Ballesteros, Rosalía de Catro e a EEI de Fingoi, tiveron mais demanda de prazas que vacantes ofertadas. Este é un problema que se ven producindo ano tras ano , que dificulta o acceso dos nenos e nenas do noso concello a prazas educativas públicas, e que complica a conciliación da vida familiar e laboral.
    EU ven constatando dende hai tempo a necesidade de ofertar mais prazas educativas publicas na nosa cidade, motivo polo que considera imprescindible crear un centro público na zona centro, coa intención de cubrir a demanda existente e de paso impulsar o desenvolvemento do casco histórico tan demandado por familias, comerciantes e cidadanía en xeral.
    Neste sentido, consideramos un emprazamento ideal para o novo centro de ensino o antigo cuartel de San Fernando, por contar cunhas características arquitectónicas e espaciais ideais, que mesmo inclúen un patio interior, facilmente cubrible.
    Á falta de prazas na zona, temos que engadir o estado no que se atopa o único centro educativo publico ubicado dentro de murallas, o CEIP Quiroga Ballesteros, que na actualidade non reúne as condicións espaciais nin óptimas nin permite ampliacións. O  centro é o unico da cidade que carece de comedor por falta de espacio o que motiva que moitas familias se teñan que decantar por outros centros concertados do contorno.
    O centro concertado situado na Praza do Ferrol, tamén carece de instalacións axeitadas tendo que empregarse un parque publico cercan como patio de recreo por carecer do mesmo, cuestión de difícil encaixe educativo e mesmo legal.
Esquerda Unida non se posiciona en contra da creación dun museo da romanización , pero nun momento como este, no que resulta mais necesario que nunca establecer prioridades, consideramos que dar resposta as necesidades educativas da cidade é o mais importante, mais cando o futuro de dito museo resulta un interrogante despois da faraónica inversión no Museo Interactivo da Historia o MIHL, aínda sen inaugurar. Esiximos pois un cambio de usos e reconducir o proxecto cando aínda se está a tempo, as necesidades son evidentes e os tempos impoñen altura de miras.
    Por outra banda resulta evidente a necesidade de elaborar un Plan Educativo para a cidade, que inclúa a revisión das zonas educativas de influencia que datan de moitos anos e presentan desfases propios dunha cidade que ten evolucionado e medrado de xeito importante nos últimos anos. Ese plan educativo debe ademais dar resposta aos desafíos educativos que presenta a cidade. Un dos mais inmediatos emana da finalización do convenio de cesión do CEIP Sagrado Corazón propiedade Caixa Galicia que finaliza no 2018, momento en que as instalacións volven a mans da entidade financieira que como é sabido fai un drástico recorte na obra social e pecha a posibilidade de ceder as instalacións ou prorrogar dito convenio.
    A concelleira de Educación manifestou no seo do Consello Escolar Municipal que a Xunta de Galicia ten solicitados terreos ao concello para a construcción dun novo centro e dende o concello se manifestou a dispoñibilidade de 2600 m2 na zona, algo absolutamente insuficiente para un centro desas características. O concello por outra banda ten solicitado os terreos que o Sergas tiña reservados para un novo centro de saúde, pero esas xestións semellan paralizadas. Uns por outros e a cuestión segue sen visos de resolverse. Un problema semellante nos atopamos coa Gardería de Sagrado Corazón, tamén propiedade de Caixa Galicia e abocada ao peche. Chamamos ao entendemento entre as distintas administracións para resolver os problemas reais dos veciños e veciñas.
    Para EU resulta inaceptable que dende a Consellería de Educación se pechen aulas en moitos centros de ensino público baixo o pretexto de descenso do alumnado como ten sucedido coas 40 aulas pechadas na provincia este ano, mentres que cando noutros casos a matricula aumenta e a demanda de prazas é elevada , non se crean as correspondentes unidades de escolarización . Condenase con este circulo vicioso, a un progresivo desmantelamento do ensino público que amosa a súa faciana mais cruel no rural lucense.
    Tampouco a oferta de prazas nas garderías públicas é suficiente. Mais de 700 nenos da provincia se quedan sen praza nas escolas infantís públicas de 0 a 3 anos. O caso da cidade de Lugo é un claro exemplo desta situación pois 193 nenos e nenas de Lugo pasaron a engrosar as listas de espera para o curso 2012-2013. O concello de Lugo oferta tan so 238 prazas nas 4 garderías municipais existentes.
    Cantas garderías e centros educativos se poderían ter feito cos 36 millóns de euros gastados no baleiro Polígono das gándaras, ou cos 22 millóns de euros que custou a deserta urbanización de San Fiz?. O resultado é un modelo de desenvolvemento urbano sen planificación baseado na especulación e o ladrillazo cuns custes elevadísimos para unha cidadanía que carece de servicios básicos esenciais como o acceso a educación.
Para Esquerda Unida a educación dos mais novos é o futuro do pais. O diñeiro invertido na formación dos nenos e das nenas debe ser unha prioridade ineludible para calquera goberno, por riba de sanear as contas dos bancos. Hipotecar o futuro dos mais novos recortando en educación, derrochando en inversións innecesarias, condenando ao paro a toda unha xeración e asumindo as débedas impagables da banca é unha irresponsabilidade histórica que a nosa organización vai combater con todas as súas forzas.

No hay comentarios:

Publicar un comentario