miércoles, 16 de octubre de 2013

Antigo cuartel de San Fernando

ESQUERDA UNIDA APELA A TODAS AS FORZAS POLÍTICAS DA CIDADE PARA QUE APOSTEN POLA CREACIÓN DUN CENTRO DE ENSINO NO ANTIGO CUARTEL DE SAN FERNANDO
 
Unha vez descartada polo Goberno da Xunta a construcción do Museo da Romanización, compre realizar un cambio de usos que responda as necesidades educativas do centro histórico
 
O edificio resulta un emprazamento ideal que permitiría escolarizar ao numeroso alumnado da zona centro que non pode acceder a unha praza pública


     Esquerda Unida Lugo considera urxente realizar un cambio nos usos previstos para o antigo cuartel de San Fernando, despois de que a Directora Xeral de Patrimonio Cultural, Maria del Carmen Fernández Insua, descartase na Comisión de Cultura do Parlamento de Galicia, a construcción do Museo da Romanización.
     Ramón Vázquez, coordinador comarcal de Esquerda Unida, en calidade de deputado por Lugo e membro da Comisión 4ª de Cultura e Educación do Parlamento, considera que “tal e como nós alertamos reiteradamente, a Xunta non ten intención de construir o Museo da Romanización”.
     Ramon Vázquez engadiu que “dende a Dirección Xeral de Patrimonio mesmo se afirmou que o proxecto non contaba coa apoio financieiro do Ministerio a través do 1% Cultural, nin tampouco con fondos FEDER, polo que a Xunta considera inviable realizar a inversión de 13 millóns de euros que implica a conversión en Museo do Cuartel de San Fernando.”
     Vázquez recordou que as negociacións da compra do antigo cuartel ao Ministerio de Defensa foron levadas a cabo polo propio alcalde, López Orozco e o exconcelleiro de economía Fernando Blanco e afirmou que “resulta inadmisible que despois de que o Concello de Lugo pagara 2,3 millóns de euros polo edificio e a pesar de que a Xunta de Galicia leva gastado 148.000 euros no mantemento do mesmo dende o ano 2008, o edificio continue nun decrepitoso estado de abandono cando son tantas as necesidades da zona”
     Neste senso, o coordinador comarcal sinalou que na zona centro e no casco histórico, só existe un centro público, o CEIP Quiroga Ballesteros, e que son moitas as familias que non poden acceder a unha praza publica nesta área educativa, tal e como se constata na Comisión de Escolarización do Concello de Lugo ano tras ano.
     O Quiroga Ballesteros é un centro dunha soa liña con capacidade para 16 alumnos e alumnas por aula, absolutamente insuficientes. De feito, en educación infantil só se ofertan 13 prazas, quedando as 3 restantes reservadas para alumnado con Necesidades educativas especiais. O centro carece de biblioteca, ximnasio, pista para a practica deportiva e o patio é de moi reducidas dimensións.
     O CEIP Quiroga Ballesteros ademais, é o único da cidade que carece de comedor por falta de espacio o que motiva que moitas familias se teñan que decantar por outros centros concertados do contorno. A pesar disto, moitos alumnos quedaron sen praza no citado centro, feito que se repite ano tras ano nun número variable.
     A creación dun colexio na zona centro, ademais de dar resposta á demanda existente, permitiría impulsar o desenvolvemento do casco histórico tan demandado por familias, comerciantes e cidadanía en xeral.
     Ademais o edificio do antigo cuartel, conta cunha superficie e distribución perfectamente adaptables como centro de ensino, tanto en canto a súa estrutura interior como a configuración de espazos exteriores. O antigo cuartel conta cun patio interior de 15X32 m (493 m², superior a superficie esixida para unha pista de deportiva que é 14X26 m) e, na súa parte posterior, conta cun patio exterior de 17X66 m (mais de 950 m² ). Patios ós que se poderían engadir ós do centro existente, o Quiroga Ballesteros, separado por unha estreita rúa de 7 metros, facilmente interconectables. En definitiva e tendo en conta as dimensión referidas, o edificio ben podería acoller un centro ben dotado, con dúas liñas de Educación Primaria e mesmo de Secundaria Obrigatoria.
     Pola súa banda, o actual CEIP Quiroga Ballesteros, produto dunha cesión privada para usos educativos, podería perfectamente reservarse, polas súas reducidas dimensións, como centro de Educación Infantil con dotacións completas, sendo facilmente comunicable co novo centro por atoparse contiguo o que sería o seu novo centro de referencia.
     Por todo elo Ramón Vázquez apela a unidade de acción e a que “as forzas políticas do Concello apoien a construcción dun centro publico no antigo cuartel, mais cando o actual contexto de crise e as politicas de austericidio, obrigan a determinar prioridades e atender aquelas necesidades que , como a educación, forman parte dos dereitos fundamentais da cidadanía. O novo centro, podería convertirse nun centro público de referencia para a cidade a vez que permitiría restaurar o Cuartel de San Fernando, un edificio declarado Ben de Interese Cultural e situado nas inmediacións da Muralla de Lugo, Patrimonio da Humanidade.”
     Esquerda Unida Lugo iniciará ademais, unha xeira de contactos cos colectivos e asociacións veciñais, organizacións sociais e de comerciantes, para recabar o seu apoio a dita proposta.

No hay comentarios:

Publicar un comentario