jueves, 18 de octubre de 2007

Proposta de EU-IU en 1998 na Praza de Bretaña

EU RECLAMA DO GOBERNO MUNICIPAL INICIAR UN PROCESO PARTICIPATIVO SOBRE A UBICACIÓN E DESEÑO DO NOVO AUDITORIO
Para EU-IU, o secretismo do alcalde vaticina os mesmos erros do pasado



Para Esquerda Unida, a actual falla de información e parálise sobre o proxecto de novo Auditorio é atribuible á negociación que o goberno municipal mantén coa Xunta e o Goberno central, e non á falla dunha resolución definitiva da UNESCO como sinala o alcalde de Lugo. Os dous informes de ICOMOS emitidos establecen claramente que construir o novo Auditorio en San Fernando é improcedente e afecta á Declaración da Muralla como Patrimonio da Humanidade, entre outras consideracións, polo cal o goberno local xa está traballando noutra ubicación.
Esquerda Unida tamén destaca a hipocresía do Partido Popular, e en concreto do seu portavoz municipal García Díez, carecedor da máis mínima autocrítica, pese a ser o responsable da proposta inicial de construir un auditorio no Cuartel de San Fernando, alterando os valores patrimoniais do edificio e a zona de protección da Muralla. Cando García Díez era alcalde consideraba que a mellor opción para un auditorio era fóra do centro, e foi baixo o seu mandato cando se derrubou o Gran Teatro pese ás protestas da Plataforma creada na súa defensa, porque sostiña que o edificio era "feo" e "non tiña espacio para reconvertilo en Auditorio". Unha década despois, presenta unha moción no pleno e xa insinúa un novo emplazamento.


Como é sabido, o actual alcalde e o seu equipo de goberno reconvertiron o xa lesivo plan do anterior alcalde nun proxecto megalómano, que despois de aprobado pola Xunta de Galicia e o Ministerio de Cultura mereceu a reprobación dun organismo internacional asesor da UNESCO como é ICOMOS (Consello Internacional de Monumentos e Sitios), o mesmo que emitiu o prescriptivo informe favorable para declarar a Muralla Patrimonio da Humanidade.


Agora López Orozco volve cometer o mesmo erro, gardando silencio sobre un proxecto que negocia coas autoridades da Xunta e alonxandoo de novo da cidadanía. Rexeitada a súa construcción en San Fernando, quere presentar novamente o proxecto á sociedade de xeito propagandista para xustificar o seu fracaso anterior.


Esquerda Unida lembra que PP, PSOE e BNG son responsables de que Lugo non teña un novo Auditorio en 2007, dez anos despois de telo proxectado para o antigo cuartel de San Fernando. E os tres partidos son sabedores da súas responsabilidades, recollidas no informe de ICOMOS, aínda que non sexan mencionados directamente, pero si as administracións que dirixiron e dirixen.


Deste xeito, sempre se fala do informe do ICOMOS de 27 de febreiro de 2007, pero apenas se cita o de maio de 2007, emitido despois da xuntanza mantida en Madrid o 20 de marzo de 2007 entre representantes deste organismo e o alcalde de Lugo, o arquitecto coautor do proxecto, o Director Xeral de Patrimonio e o Director Xeral de Urbanismo. Os tres partidos saben que os dous informes do ICOMOS censuran a súa actuación e desautorizan a construcción en San Fernando. Como sinala o 1º informe: "lémbrase ás autoridades estatais, locais e autonómicas, responsables en materia de Patrimonio Cultural, que calquera proposta de intervención que poida alterar sustantivamente o ben declarado ou a súa zona tampón (como é o caso do Hospital-Cuartel) debe informarse e consultarse á UNESCO". Polo tanto, os tres partidos cometeron neglixencia ao non informar á UNESCO deste e doutros cambios acometidos no entorno da muralla desde as labores de goberno nas diferentes administracións.


De feito, ICOMOS censura a descatalogación do edificio en 1997, un proceder que en opinión de EU-IU pode constituir un acto de prevaricación, dado que se trata dunha actuación claramente arbitraria coa finalidade de actuar nunha zona protexida.


No último informe, ICOMOS insiste en que o Auditorio proxectado actúa "sobre a posible afectación sobre a conservación dos valores culturais polos cales foi declarada Patrimonio Mundial a Muralla Romana de Lugo e o seu entorno protexido". Así, certifica que "a Muralla de Lugo vese afectada pola proposta de novo Teatro, Auditorio e Centro Cultural no seu entorno de protección", e "recomenda que o Cuartel-Hospital de San Fernando se destine a outro uso compatible coa súa categoría".


Os tres partidos presentes na Corporación saben que o Auditorio non se pode construir en San Fernando.


Para Esquerda Unida, debe iniciarse un proceso de consulta é implicación da sociedade lucense: Colexio de Arquitectos, Conservatorio de música, asociacións culturais, Sociedade Filarmónica, asociacións de veciños, grupos teatrais, musicais e artistas en xeral, profesionais de escenografía, luz e son, e cidadáns e cidadás en particular, así como aos Sindicatos e a todos os partidos políticos. En definitiva, un método participativo entre todos aqueles que, a bo seguro, dinamizarán a vida do futuro auditorio, na procura do emplazamento e o deseño máis axeitados, para facer do novo auditorio un proxecto de tódolos lucenses.


Despois do acaecido nos últimos anos e á situación á que os tres partidos conduciron o tema, é necesaria unha boa dose de autocrítica e a preceptiva e necesaria aprendizaxe do pasado para non repetir os mesmos erros.


Esquerda Unida segue defendendo o emplazamento do novo Auditorio nas proximidades do casco histórico, con preferencia no cuartel da Garda Civil, a ubicación do Museo Arqueolóxico no antigo Cuartel de San Fernando e a construcción dun teatro de capacidade media no centro da cidade. EU-IU mantivo desde o primeiro momento a súa oposición á ubicación dun auditorio en San Fernando, e mesmo chegou a presentar publicamente en 1998 un proxecto alternativo elaborado por varios arquitectos para a Praza de Bretaña, coa pretensión de integrar o campus de Lugo na vida da cidade.

No hay comentarios:

Publicar un comentario