viernes, 23 de noviembre de 2007

25 de NOVEMBRO, DÍA INTERNACIONAL CONTRA A VIOLENCIA DE XÉNERO
Artigo de Isabel Sánchez Corral*

As datas significativas poden deixar de ter o seu sentido sobre o calendario cando as reivindicacións foron conqueridas nunha realidade de acción e superación. O 25 de novembro, pola contra, necesita ser lembrado, non como un número enriba dun papel, senón que necesitamos falar do seu sentido, das reivindicacións que leva este día implícitas; necesitamos que se fale nas escolas, no traballo, no faladoiro, que se fale e debata sobre un problema que está enraizado na nosa sociedade, que é noso. Unha lacra social que afecta a todas as mulleres por igual, de calquera país e de calquera idade.

O día contra a violencia de xénero non pode ser un día sen máis, non cando no Estado, no que vai de ano, morreron asasinadas 63 mulleres (cinco delas na nosa comunidade) a mans das súas parellas ou exparellas, e 19 máis por diversos tipos de violencia de xénero dentro do ámbito familiar ou sen existir relación directa.

Necesitamos un día para lembrar pero necesitamos máis tempo, máis vontade e a concienciación necesaria para transformar a estrutura social, os valores e principios que sustentan a sociedade patriarcal que xenera esta violencia. Porque do contrario, atopamos que a pesares da aprobación e posta en marcha da Lei de Igualdade e a Lei integral contra a Violencia, a sociedade e as diferentes institucións seguen a tolerar que unha muller gañe ata un 40% menos polo mesmo traballo e coa mesma cualificación ( en Galicia ata 30% menos); que sexa despedida por razón de sexo; que sexa explotada sexualmente ou utilizada como obxecto nos medios publicitarios e de comunicación;...,un sistema que segue a segregar os traballos por razón de sexo e trasmitindo a través da educación valores, esteriotipos e roles que manteñen a visión das mulleres como cidadás de segunda ou terceira categoría.

Todo isto no chamado "primeiro mundo" e amparadas baixo unha democracia. Quizais para as mulleres esta democracia non é tal democracia, senón que baixo unha igualdade formal escóndense as desigualdades reais que fomentan a violencia cando reivindicamos na casa, no traballo e na rúa o noso espazo a compartir. Esas mulleres ás que lle denegaron a orde de protección e xa non poden loitar máis, esas que foron despedidas por quedar embarazadas e non poden recurrir porque oficialmente non lles renovan un contrato precario por horas, esas mulleres inmigrantes explotadas sexualmente sen dereitos e sen voz, esas mulleres...

Esas mulleres asasinadas ó longo deste ano pensaban que eran iguais , que a sociedade, as institucións as defenderían a elas, ás vítimas. Pero non as consideraron así e non se prepararon para defendelas, para otorgarlles os seus dereitos. Non cando vemos que unha muller, víctima de malos tratos ten que refuxiarse na sala da fotocopiadora nos Xulgados de Violencia de Xénero (Vigo), porque a maioría dos xulgados carecen de salas ailladas. Non cando se denegan máis dun 18 % das órdes de protección solicitadas. Non cando unha muller inmigrante "ilegal" (do total de mulleres asasinadas 22 eran extranxeiras) sabe que a denuncia é a expulsión do país.

O resultado é máis de sesenta mulleres mortas este ano a pesar das medidas xudiciais, sanitarias e asistenciais postas en marcha. Medidas que pretenden erradicar a violencia pero medidas insuficientes, como así denunciaron os colectivos de mulleres no seu día, que despois de felicitar a acción de poñer en marcha unha lei integral contra a violecia de xénero denunciaron aspectos fundamentais esquecidos no ámbito da educación -un dos principais eixos de trasmisión de valores- e na formación dos profesionais, entre outros, ou a baixa dotación económica para poñela en marcha. Semellan insuficientes cando a pesar de que o artigo 14 de dita Lei recolle respecto ós medios de comunicación que "fomentarán la protección y salvaguarda de la igualdad entre hombre y mujer, evitando la discriminación entre ellos" e, pola contra, non transmiten que as mulleres sexan grupo digno de respeto e consideración como os homes. Sen entrar na representación do corpo da muller, que serve para o pracer e a compracencia masculina. Trátase da sobrerrepresentación das mulleres como coidadoras e servidoras, en papeis secundarios, dependentes, non pagados e desvalorizados socialmente, fixando os modelos de feminidade que non rompen coa tradición patriarcal do mito da servidume e abnegación. Os roles que os medios manteñen e elaboran fíxanse no imaxinario das nosas nenas, conducíndoas cara a relacións de dependencia e sumisión (máis do 40% das rapazas consideran unha proba de amor determinadas formas de maltrato do seu mozo).

Como podemos comprobar, a educación e os medios de comunicación son os fundamentais transmisores de roles, valores, principios e pautas sociais. Polo tanto, se queremos cambiar unha realidade inxusta e desigual, non podemos obviar que é neste ámbito por onde hai que comezar a facer as transformacións que vaian a raíz do problema.

Sen obviar a importancia das medidas laborais, xurídicas, sanitarias, etc, para paliar as situacións de maltrato, debemos pensar que se realmente queremos rematar coa violencia debemos facer transformacións profundas nos piares da nosa sociedade. Debemos reflexionar en que tipo de sociedade queremos vivir: nunha sociedade que vive na violencia dentro e fóra das súas fronteiras, que para manter a "paz social" obvia como problema de Estado a morte de 63 mulleres ou, pola contra, nunha sociedade que aspire á igualdade real e á xustiza social, e para iso nos corresponsabilicemos cidadáns e cidadás xunto coas nosas institucións.

* Profesora de Filosofía. Secretaria Nacional de Muller de Esquerda Unida . Membro do Comité Federal do PCE

No hay comentarios:

Publicar un comentario