lunes, 21 de enero de 2008

150 MEMBROS DO CONSELLO POLÍTICO FEDERAL DE IU AUTOINCÚLPANSE DE TER ABORTADO VOLUNTARIAMENTE
Os homes asinantes declaran "ter acompañado a unha muller a interromper voluntariamente o seu embarazo"

IU pretende producir unha "gran fervenza de autoinculpacións que atasquen os xulgados" como protesta pola investigación da Clínica Isadora.

O coordinador xeral e candidato de Izquierda Unida (IU) á presidencia do Goberno, Gaspar Llamazares, e 150 membros do Consello Político Federal, autoinculpáronse hoxe de ter abortado voluntariamente. Previamente, a responsable da Área da Muller de IU, Charo Luque, repartira entre as asistentes ao Consello un formulario de autoinculpación. Entre os asinantes atópanse os catro membros do CPF representantes de Esquerda Unida: a coordinadora xeral e tenente de alcalde de Ferrol, Yolanda Díaz; o secretario de política institucional e secretario xeral do PCG, Carlos Anxo Portomeñe; o secretario de organización, Xavier Ron e o coordinador de Pontevedra, Juan José Guirado.

Todas as firmas recolleitas xuntaranse e posteriormente a organización trasladaraas de maneira conxunta ao movemento nacional de autoinculpación que xurdiu nos últimos días, para a súa presentación diante do Xulgado de Garda de Madrid.

No Consello Político Federal de IU entregáronse dous formularios, un para os homes e outro para as mulleres. Os homes asinantes declaran "ter acompañado a unha muller a interromper voluntariamente o seu embarazo", mentres que as mulleres afirman "ter interrompido voluntariamente" o seu embarazo de forma "consciente e responsable". Os dous formularios coinciden en denunciar a "persecución á que se está sometendo ás mulleres" e esixe que o dereito a abortar "se garanta na Rede Sanitaria Pública".

A vocal da Asociación de Clínicas Acreditadas para a Interrupción Voluntaria do Embarazo (ACAI), Marisa Castro, pronosticou xa o pasado xoves tras unha reunión co ministro de Sanidade, Bernat Soria, que produciría unha "gran fervenza de autoinculpaciones que atascarán os xulgados" como protesta pola investigación da Clínica Isadora.

Castro referiuse ás 25 mulleres que tiveron que declarar por supostos casos de abortos ilegais na clínica Isadora, e pronosticou que, tendo en conta "as miles de chamadas solidarias e de correos electrónicos" que chegaron ao centro, vaise producir unha gran cantidade de autoinculpacións como protesta pola actuación do xuíz do Xulgado de Instrucción número 47 de Madrid José Sierra, que leva a investigación.

No hay comentarios:

Publicar un comentario