ESQUERDA UNIDA ESIXE UNHA NOVA EXPOSICIÓN PÚBLICA DO PXOM
Iniciará unha campaña para reclamar o cumprimento da Lei do Solo
Con respecto ao PXOM, como noutros temas municipais, EU quere sinalar as diferentes responsabilidades dos tres partidos presentes na Corporación. Tendo claro o nefasto papel do PSOE no goberno municipal, denunciado continuamente por EU, o máis correcto é dicir que, na práctica, no Concello de Lugo está gobernando o PP. Nos Plenos do Concello só se aproban propostas que contan co beneplácito do PP, tanto se o asina co PSOE (Orzamentos municipais) ou co BNG (moción sobre o regulamento de participación cidadá e sobre a nova ponte). No caso do PXOM sucederá o mesmo, pois contará co voto favorable do PP e posiblemente coa abstención do BNG.
A oposición no Concello (BNG e PP) acusou repetida, e acertadamente, ao goberno municipal de oscurantismo co PXOM. Pero non amosaron un comportamento diferente cando o goberno aceptou negociar cambios no PXOM, pactando acordos desde agosto aínda que os cambios so se coñecen superficialmente polos medios de comunicación. Esquerda Unida emplaza á oposición, moi especialmente ao BNG, a clarificarse sobre o seu apoio ou non ao PXOM e sobre a necesidade de expoñelo novamente ao público. Para EU, o BNG - teórica oposición de esquerda no Pleno-actúa con clara ambigüedade no tema do PXOM, no que sempre contesta "ni sí, ni no, ni mucho ni poco".
Agora, o presidente da Asociación de Promotores e Constructores de Lugo (APEC) irrumpe o primeiro día da campaña electoral esixindo a aprobación do PXOM antes do verán e cinco días despois, no Pleno ordinario de 3 de marzo, os tres partidos aproban celebrar en abril o Pleno para a aprobación provisional do PXOM. Un PXOM ao que so lle faltaba a polémica da recalificación dos terreos pertencentes ao concelleiro de urbanismo, considerando EU que ante "indicios de delito" o fiscal anticorrupción debera intervir no asunto.
É inaceptable a prisa por aprobar o PXOM cando se está incumprindo a Lei do Solo. En concreto, o artigo 85.6 da Ley 9/2002, de 30 de decembro, de Ordenación Urbanística e Protección do Medio Rural de Galicia establece que "no caso de que se pretenda introducir, no momento da aprobación provisional polo pleno municipal, modificacións que signifiquen un cambio sustancial do documento inicialmente aprobado … abrirase un novo trámite de información pública con anterioridade ó referido acordo do pleno municipal e da remisión da documentación oportuna á consellería para resolver sobre a súa aprobación definitiva".
Que nos expliquen cal é o contido do PXOM, que nos digan por qué teñen tanta prisa en aprobalo sen que os lucenses coñezan os acordos dos tres partidos, que nos digan por que agora non corre prisa a comunicación das alegacións, que nos digan por qué se incumpre a Lei do Solo, que nos digan por que se engana á xente en campañas electorais e por que teñen que decidir como se fai Lugo os grandes constructores, en definitiva, por que en Lugo queren aprobar con nocturnidade un PXOM especulativo que supón pan para hoxe e fame para mañá.
Polo tanto, Esquerda Unida inicia unha campaña para reclamar o cumprimento da Lei do Solo cunha nova exposición pública do PXOM e a resposta e comunicación ás máis de 6.500 alegacións ao PXOM. Unha campaña que se deixará sentir, con carteis, octavillas, actos públicos, videos e difusión a través de internet.
Dicir tamén que Esquerda Unida quere amosar o seu apoio á Plataforma Lugo: a mellor cidade do mundo e ás súas xustas reivindicacións.
No hay comentarios:
Publicar un comentario