ESQUERDA UNIDA CONSIDERA QUE A CONCELLEIRA DE SERVIZOS SOCIAIS DEBE PRESENTAR A DEMISIÓN
A prohibición da feira de asociacións constitúe unha cacicada intolerable
Por segundo ano consecutivo o goberno municipal prohíbe a celebración da feira de asociacións que tradicionalmente, e con carácter anual, se viña celebrando na Praza Maior. Este ano a "xustificación" para tal prohibición é que a Praza Maior se reserva para actos institucionais, a feira do libro e o San Froilán. Aparte de ser un falaz argumento que cae polo seu propio peso, sinalar que hai menos dun mes a ONG do PSOE, Solidaridad Internacional, mantivo durante todo o día un posto de grandes dimensión no fondo da praza.
As vinte asociacións lucenses que promoven a feira, moitas delas de longa tradición na cidade, decidiron manter a celebración da feira xa que pese á prohibición de última hora contan con todos os permisos necesarios. O Concello, sen embargo, non facilitará as casetas nin a infraestructura necesaria. Esquerda Unida apoia firmemente a decisión de ditas asociacións e chama a participar na feira aos lucenses.
Os argumentos esgrimidos polo goberno municipal son intolerables e dan mostra da idea caciquil que o alcalde e a concelleira de servizos sociais teñen da participación cidadá. Esta mesma semana retiraban a subvención á Asociación Maricastaña para celebrar os Maios. O goberno municipal declara a guerra ás asociacións que non lle son afíns políticamente, nun intento claro de eliminar, precisamente, á parte máis activa da sociedade lucense que é o movemento asociativo.
Por todo elo, Esquerda Unida considera que a concelleira de Servizos Sociais, Luisa Zarzuela, debe presentar a demisión inmediata. Esta é a gota que colma o vaso: os alcaldes pedáneos non se elixen desde hai dúas lexislaturas e aínda non existe un regulamento de participación cidadá adaptado á Lei de grandes cidades, entre outros.
 
 
 
No hay comentarios:
Publicar un comentario