viernes, 12 de junio de 2009

No PXOM aprobado inicialmente en 2006 figuraba como Solo Rústico de protección forestal (F)


ESQUERDA UNIDA DENUNCIA!


O PXOM DE LUGO RECLASIFICA 426.083 M2 DE BOSQUE AUTÓCTONO PARA CONSTRUIR VIVENDAS DUN CAMPO DE GOLF
A aprobación definitiva do Plan de Urbanismo
está pendente dos informes da Xunta de Galicia

Tres concelleiros de urbanismo pasaron polo PXOM, e cada un tivo o seu escándalo. Gómez Besteiro a planificación dun PXOM especulativo para 336.000 ficticios habitantes, con barrios enteiros afectados e con deficiencias na cartografía e no desenvolvemento. Logo chegou Liñares, coa reclasificación de fincas da súa propiedade no barrio da ponte.
Agora tócalle o turno a María Novo, a concelleira de urbanismo posta a dedo á que non elexiron os lucenses, e reclasifica 531.819 m2 de solo rústico de protección especial e os convirte en solo urbanizable delimitado. Máis de medio millón de metros cadrados para, coa disculpa de ampliar un campo de golf, construir 264 vivendas unifamiliares libres destruíndo unha masa forestal de especies autóctonas.

Vista aérea da zona. Pode apreciarse a enorme masa forestal que será urbanizada

É o caso dos sectores de solo urbanizable FIXÓS S-1.RD e FIXÓS S-2.RD situados en Santa Marta de Fixós, na zona do campo de golf. En concreto, O sector FIXÓS S-2.RD destina 63.912 m2 edificables a vivenda unifamiliar libre onde, por exemplo, se poderán construir 180 vivendas de 350 m2 cada unha coas súas parcelas correspondentes.
No PXOM aprobado inicialmente polo Pleno do Concello de Lugo con data 26 de xaneiro de 2006 e exposto publicamente o 10 de febreiro de 2006, o sector FIXÓS S-1.RD constaba como solo rústico de protección agropecuaria e o sector FIXÓS S-2.RD. como solo rústico de protección forestal (Plano 2.8 da CLASIFICACIÓN DO SOLO E ESTRUTURA XERAL E ORGÁNICA DO TERRITORIO).
O PXOM foi aprobado provisionalmente no Pleno do Concello celebrado o 26 de xaneiro de 2009. Os tres partidos con representación no Concello están implicados neste proceso. Estiveron dous anos negociando cambios no PXOM. Ao final o PSOE e o PP votaron a favor. Incluso a páxina web do Concello amosa o campo de golf entre os monumentos de Lugo, curiosamente ao carón do Parque Rosalía. O BNG tampouco é inocente co seu silencio cómplice. Dicir que as fichas que recollen estes sectores na normativa urbanística din textualmente: "El desarrollo del Sector debe permitir la ampliación del actual campo de golf a 18 hoyos, integrado en el Plan Director de Campos de Golf de la Consellería de Industria de la Xunta de Galicia". A Consellería de Industria estaba en mans dun lucense. Consultadas as autoridades da Consellería negaron taxativamente a existencia de ningún Plan Director de Campos de Golf. Houbo unha proposta en tempos do último goberno Fraga cuxas recomendacións se desbotaron coa Xunta do bipartito.
En plena crise económica, cando o Concello está establecendo plans de aforro incluso para as fotocopias, na cidade coas pensións e os salarios máis baixos de España, os cartos dos impostos van van destinarse a pagar o saneamento e o abastecemento dos máis privilexiados nun campo de golf, e ademáis destruíndo medio millón de metros cadrados de masa forestal de protección especial.

Vista das instalacións deportivas desde a fraga que se convertiría en urbanización

O PXOM xa recibiu o informe positivo da Dirección Xeral de Desenvolvemento Sostible cando aínda estaba o PSOE na Consellería. Neste momento está está na Consellería de Secretaría Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo, xa coa nova administración da Xunta. EU-IU entende que existen causas de anulabilidade do PXOM e que a Xunta non pode aprobar definitivamente este PXOM. EU-IU fai a denuncia pública cando os trámites de aprobación definitiva están en marcha, para evitar a necesidade de ir a un Contencioso contra a aprobación definitiva do PXOM.
En caso de non ser así, EU-IU anuncia mobilizacións e aclara que chegará se fai falla á fiscalía anticorrupción porque existen claros indicios de corrupción e prevaricación, cuxas probas concluíntes fariamos públicas máis adiante.

No hay comentarios:

Publicar un comentario