martes, 16 de junio de 2009

Entrevista a Santos Costa Barroso (histórico militante e fundador do PCG e CC.OO.). La Voz de Galicia 14/06/2009

aaaaaaaaaaaaaaaaaaaaaaaaaaaaaaaaFoto: Oscar Cela
aaaaaaaaaaaaaaaaaaaaaaaaaaaaaaEsta semana, Santos Costa paseou polo patio do cárcere por primeira
aaaaaaaaaaaaaaaaaaaaaaaaaaaaaaaaaaa aaaaaaaavez despois da súa condena

UN PRESO POLÍTICO ABRE O CÁRCERE

O sindicalista Santos Costa cumpriu condena en Lugo por ter propaganda ilegal; máis de trinta anos despois volveu á prisión para que se coñeza a súa historia.

Gadea G.Ubierna


«Nosa consigna, entón, era non escapar se viña a político social» lembra o coñecido sindicalista de CC.OO. Santos Costa, máis de trinta anos despois de secundar unha decisión que agora tacha de errónea e que a el, entre outras cousas, obrigoulle a pasar unha semana no cárcere de Lugo. «Foi no tempo inmediato á chegada da democracia, pero había que afrontar a última etapa do franquismo», di.

Ese foi o motivo de que Costa, un día calquera a finais dos anos setenta, estivese a pegar uns carteis -«non recordo se por folga ou amnistía»- xunto a outro veterano sindicalista (Sergio Castilla), cando chegou a policía e, en lugar de botar a correr como facían antes, quedasen no sitio. O resultado de tal decisión foi contundente: unha semana de cárcere por posesión de propaganda ilegal.

E así foi como Costa e Castilla recalaron nun dos edificios históricos de Lugo, ao que o primeiro regresou o Xoves pasado por primeira vez e, ao entrar no patio, atopouse con dúas cousas: a primeira, «está máis blanqueada que entón» e, a segunda, había un grupo de franceses rodando unha película no medio do patio. Costa está ó corrente de que o edificio se vai a reconverter nun centro cultural e está de acordo con iso, pero cre que «está ben que se saiba a verdade do que pasou aquí».

Sen malos tratos

No seu caso, a verdade non é demasiado tétrica, xa que asegura que nin el nin Castilla sufriron malos tratos algún durante a súa semana de encarceramento e tiveron a sorte de ocupar celas individuais e no segundo piso. Rindo, Costa sinala a cela que aínda hoxe conserva o número 24 sobre o dintel e explica que estivo nunha das situadas nesa zona, que «eran moito mellores que as da planta baixa, enteiras de pedra e moito máis frías».

Quen foi un dos fundadores de Comisións Obreiras en Lugo e do Partido Comunista en Galicia (causas polas que tamén visitou por obrigación a xa inexistente cárcere de Carabanchel) afirma que a prisión lucense non se conserva tal e como a lembraba; ao parecer, está mellor agora. «Estaba como o réxime, gastada. Antes era moi decadente, estaba sen pintar, con humidade por todas partes, uns servizos raquíticos...» asegura, recalcando que no momento no que el estivo interno, «o preso non tiña garantía de clase ningunha».

No cárcere modelo de Lugo había 33 celas masculinas situadas en torno ao patio, e 23 femininas, que estaban nun módulo separado. Naquela semana, os sindicalistas eran os únicos presos políticos e, quizá por ese motivo, tampouco se lles tratou como ao resto, delincuentes comúns na súa maioría. «Nós tivemos cela individual e non tiñamos incomunicación, un período que eles chamaban de 'observación'» explica Costa destacando que a construción lucense non era un cárcere de seguridade, polo que os presos políticos adoitaban mandarse a outros centros penais.

No medio do equipo de produción francés, Costa parecía a semana pasada un actor máis, aínda que a súa historia non é de ficción. Tampouco o foi o tempo que seguiu aos sete días de reclusión, cando «tiña que ir cada semana ou cada dúas semanas ao xulgado para dicir que non me escapara. Era unha situación moi irregular, pero era o que había».

Carabanchel

Esta situación non deixa de ser unha anécdota máis na axitada vida deste sindicalista, e desde logo non foi o seu único contratempo coa policía. Costa ten unha excelente memoria para os feitos, aínda que coas datas embázaselle un pouco.

En calquera caso, lembra con nitidez como o detiveron noutra ocasión en Santa Eulalia de Oscos por levar unha cámara de fotos. «Eu ía en manga curta, porque era Agosto, que ía facer, pero a cámara fíxolles sospeitar» conta pouco antes de engadir que, en realidade, a detención produciuse porque en canto a policía informouse de quen era, mandárono directamente a Carabanchel. Pero ese é xa outro capítulo da vida política deste ourensán de nacemento e lucense de corazón.

No hay comentarios:

Publicar un comentario