miércoles, 3 de junio de 2009


PARALIZACIÓN DO PROCESO DE BOLOÑA

Propostas de Esquerda Unida para a Universidade

A aplicación do chamado Proceso de Boloña no Estado español está xerando unha profunda inquietude na comunidade universitaria e un notable rexeitamento en amplos sectores estudiantís, provocado en gran medida pola ausencia dun debate participativo e en profundidade sobre as reformas universitarias en marcha, que van condicionar o futuro da Universidade con importantes repercusións sociais.

Sen renunciar a canto poida contribuír á mellora da docencia e a investigación universitarias, así como á eliminación das barreiras clasistas para acceder e completar os estudos superiores, a situación actual lévanos a reclamar que se paralice a implantación de novos plans de estudo ata que unha verdadeira discusión pública, con ampla participación dos distintos compoñentes da Universidade, permita esclarecer o seu sentido xeral e o seu contido preciso no marco do Espazo Europeu de Educación Superior. Para que isto sexa posible hai que suspender a data límite de 2010 como inicio da extinción forzosa dos plans de estudo vixentes.

Proposta de IU para o futuro da universidade:

1. Apostamos por unha Universidade Pública ao servizo dun desenvolvemento social e ecoloxicamente sostible, asentado na Investigación Científica, o Desenvolvemento tecnolóxico e a innovación no traballo (a chamada I+D+i). Isto require a formación de profesionais altamente cualificados con capacidade crítica, de investigación e innovación. Para iso é necesaria unha profunda renovación pedagóxica con métodos máis activos que propicien unha aprendizaxe centrada no alumnado, xunto a unha relación máis próxima entre estudantes e profesorado, con grupos máis pequenos e unha docencia máis tutorizada.

2. Rexeitamos que os servizos educativos sexan tratados como unha mercancía: propoñemos cooperación fronte a competitividade. A mellora da calidade dos estudos superiores non pode ter como obxectivo a "competitividade" entre as Universidades de España, de Europa ou do resto de mundo, senón a cooperación entre elas, que é esencial para a actividade universitaria, tanto docente como investigadora.

3. Opoñémonos a toda reforma de plans de estudo que supoña a súa desvalorización ou elitización. A aplicación do sistema Grao-Postgraos, cuxa concreción e duración depende de cada Estado e que en España vén a substituír ao sistema Diplomatura-Licenciatura-Diploma de Estudos Avanzados (DEA) previo ao Doutoramento, debe facerse de xeito que non se devalúen unha maioría dos estudios universitarios nin se produza a elitización dalgúns outros. Propoñemos que a homologación dos Plans de Estudo se realice, de acordo co criterio mencionado, por un organismo público con participación representativa dos distintos compoñentes da comunidade universitaria, e que estea orientada á dotación de medios para superar o fracaso escolar, evitando en todo caso a súa subordinación ao mercado.

4. Esiximos financiamento público suficiente, tanto para a renovación pedagóxica como para facer realidade a chamada "dimensión social" da converxencia no Espazo Europeu de Educación Superior, garantindo de forma efectiva que todo estudante poida completar os seus estudos sen obstáculos derivados da súa orixe socioeconómica. Iso esixe chegar ao 2% do PIB en gasto público universitario (excluíndo taxas e financiamento privado), loitar contra o fracaso escolar como un obxectivo central das reformas universitarias, traballar pola gratuidade de todos os estudos superiores e esixir a implantación xeneralizada dun sistema de bolsas salario.

Propoñemos priorizar a gratuidade no Grao e opoñémonos a calquera suba de taxas ou prezos públicos, ao tempo que denunciamos especialmente os elevados prezos dos Másters e rexeitamos, asemade, os falsos préstamos-renda que hipotecan ao estudiantado.

5. Denunciamos as distintas vías de privatización da Universidade Pública. Reclamamos que o financiamento público asegure o mantemento e desenvolvemento da docencia e investigación universitarias, sen supeditación ás achegas de empresas privadas. Así mesmo, rexeitamos a apropiación privativa de recursos públicos, tanto a través de subvencións de custos xerais a proxectos de investigación encargados por empresas privadas, como a través da transferencia de persoal de centros públicos a tales empresas, e en particular as derivadas deles para a explotación privativa dos resultados de investigacións financiadas con fondos públicos. A Universidade Pública non pode converterse no gabinete de I+D+i de empresas privadas.

6. Avogamos por unha educación superior que desenvolva a capacidade crítica. Para iso é imprescindible a formación humanística, xunto á científica e tecnolóxica, a fin de que os futuros científicos e tecnólogos non se limiten á adquisición dos contidos conceptuais das súas disciplinas senón que poidan tamén coñecer a súa metodoloxía; ao mesmo tempo, os futuros profesionais de disciplinas humanísticas deben coñecer os resultados da procura científica e técnica para abordar a comprensión do mundo e a sociedade. Todo iso supón cuestionar a escisión entre formación humanística e científico-técnica. A educación superior debe asegurar unha sólida formación teórica xunto aos coñecementos prácticos que cada especialidade requira.

7. Defendemos unha formación universitaria que tamén prepare para o exercicio profesional, pero sen que sirva como escusa para subordinar a educación superior ao mercado, senón que estea orientada a formar profesionais altamente cualificados, con capacidade investigadora e innovadora, que poidan contribuír activamente á creación cultural e a un desenvolvemento social e ecoloxicamente sostible. Para iso hai que impulsar tamén os cambios necesarios na estrutura económica, que inclúen o desenvolvemento do sector público tanto na produción como nos servizos.

8. Queremos profundar na democratización da Universidade. O desenvolvemento da Universidade pública e os cambios necesarios para a súa mellora, ademais dun financiamento público axeitado que os faga viables, requiren da participación consciente e voluntaria de estudiantado, profesorado e persoal de administración e servicios, a través das súas propias organizacións e da súa representación nos órganos de goberno. Fronte ao propósito gobernamental de substituír a representación estudiantil por órganos tutelados, así como os gobernos democraticamente escollidos por "xestores profesionais", expoñemos a necesidade de profundar no seu funcionamento democrático como fundamento da autonomía universitaria, a través do diálogo e a cooperación entre os distintos compoñentes da Universidade, e desde o respecto ao exercicio das liberdades e aos órganos representativos das universidades.

No hay comentarios:

Publicar un comentario