martes, 21 de julio de 2009

Acto público de EU-IU no Centro Uxío Novoneyra

ESQUERDA UNIDA SOLICITA DO CONCELLO DE LUGO UNHA MELLORA NAS DOTACIÓNS E NA CONSERVACIÓN DO CENTRO SOCIAL UXIO NOVONEYRA

Esquerda Unida detectou nos últimos meses un paulatino deterioro nas instalacións do Centro Social Uxio Novoneyra, así como unha serie de materiais tecnolóxicos que ou ben non funcionan ou se botan en falta porque nunca os houbo. Onde máis se acusa estas carencias é sobre todo na 2ª planta, sen dúbida a máis usada por diferentes colectivos cidadáns para a realización das súas actividades.

Ante esta situación, Esquerda Unida solicita as seguintes actuacións da Corporación Municipal:

- Revisión e reparación dos micrófonos do Salón de Actos e instalación dun sistema de megafonía na Sala de Seminarios. Nestas dúas dependencias tamén se necesitan interruptores que permitan apagar e acender as luces das zonas de tarima sen requerir para elo a atención dos/as traballadores/as do Centro.

- Dotar de proxectores e pantallas ao Salón de Actos e á Sala de Seminarios. Esquerda Unida non entende que haxa dúas instancias destas características nun Centro Social Municipal sen estes elementos tan necesarios para a realización de proxeccións, videoforums, presentacións en Powerpoint, etc... Destacar que, pola contra, existe unha consola Nintendo Wii nalgún dos armarios.

- Reparar as fiestras do Salón de Actos e da Sala de Seminarios (a maioría non abren ou non se poden pechar pola falta de manillas).

- Pintar as paredes dos Obradoiros ou buscar un sistema alternativo que permita pegar obxectos nas paredes, sen que ao retiralos se arrínque a pintura.

Esquerda Unida quere felicitar á Corporación Municipal pola recente apertura da Casa das Linguas, pero tamén reclama a súa atención para aquelas instalacións que por levar anos abertas non outorgan fotos de inauguración nos medios de comunicación, máis se cabe nunha cidade carente de instalacións relacionadas co acceso á cultura.

No hay comentarios:

Publicar un comentario