domingo, 2 de agosto de 2009

García Rubio advirte de que o novo descenso do IPC por quinto mes confirma o risco inminente de entrar en deflación.


"Os datos feitos públicos hoxe, que confirman que o IPC harmonizado no mes de xullo co resto dos países da UE descendeu até o -1,4% -baixada que se produce por quinto mes consecutivo- sitúan a economía española ao borde da deflación e cuestionan o optimismo do Goberno sobre a súa política económica", afirma José Antonio García Rubio, secretario de Economía e Traballo de Izquierda Unida.

Segundo os criterios do Fondo Monetario Internacional (FMI) recoñécese a situación de deflación cando os prezos baixan durante seis meses consecutivos, o que podería ocorrer no noso país con toda probabilidade no próximo mes. Estes datos coinciden co avance do Banco de España, que sitúa o descenso do PIB en -4% para o segundo trimestre de 2009.

"Ambas cifras -afirma García Rubio-, confirman con insistencia a gravidade da crise económica en España e cuestionan a política do Goberno, que segue tendo unha confianza case máxica en que as súas sucesivas medidas de rescate da banca privada arranxarao todo, incluída a deflación".

O responsable económico de IU aclara que "pola contra, esta deflación da que cada vez estamos máis cerca pon de relevo que nos atopamos ante unha grave contracción da demanda. Como vén defendendo IU, enfrontámonos a unha crise esencialmente de demanda, polo que o diagnóstico que fai o Goberno resulta equivocado. Por iso é polo que a obcecación e as medidas parciais que se toman non resulten eficaces".

Esta situación mostra tamén "o egocentrismo económico da CEOE que segue insistindo, cunha campaña da que lle fai eco o Banco de España, nunha radical reforma laboral que vai manifestamente en contra dos intereses dos traballadores e das necesidades da economía real".

Para García Rubio, "o problema non é de cotizacións á Seguridade Social nin de abaratamento do traballo, por moito que a patronal queira pescar no río revolto da crise para sacar proveito dela. O problema é que diminuíu a demanda porque non hai suficiente capacidade de compra nin confianza. As empresas non teñen liquidez porque venden pouco e, en moitos casos, porque cando venden non cobran".

"A postura maximalista da patronal que a fai responsable da ruptura do diálogo social só busca satisfacer ás grandes empresas, esquecendo ás pequenas e medianas, así como aos autónomos. Son precisamente esas grandes empresas as que si teñen o seu mercado amarrado por contratos públicos en España e no estranxeiro", conclúe o dirixente de IU.

© 2009. Izquierda Unida Federal. www.izquierda-unida.es

No hay comentarios:

Publicar un comentario