miércoles, 6 de enero de 2010

ESQUERDA UNIDA DENUNCIA QUE O DECRETO CONTRA O GALEGO SUPÓN UN ATAQUE POLÍTICO SEN PRECEDENTES SOBRE O NOSO IDIOMA.

ESQUERDA UNIDA REXEITA DE PLANO AS BASES DO DECRETO POR SER UN ATAQUE POLÍTICO SEN PRECEDENTES CONTRA A NOSA LINGUA QUE PROVOCA A PERDA DO PESO DO GALEGO NA COMPETENCIA LINGUISTICA DO ALUMNADO

EU RECLAMA A RETIRADA DAS DEVANDITAS BASES E A APERTURA DUN AMPLO DEBATE SOCIAL PARA CONQUERIR UNHA PLENA E EFICAZ APLICACIÓN DA LEI E DO PLAN DE NORMALIZACIÓN LINGÜÍSTICA

ESQUERDA UNIDA CHAMA A MOBILIZACIÓN SOCIAL E A RESISTENCIA DOS DIFERENTES SECTORES DA COMUNIDADE EDUCATIVA CONTRA O ATAQUE O GALEGO

Esquerda Unida denuncia que o decreto contra o galego supón un ataque político sen precedentes sobre o noso idioma. Elaborado de costas a sociedade galega e a comunidade educativa, o Goberno da Xunta de Galicia aprobouno con premeditación e nocturnidade en plenas festas do Nadal para evitar a contestación da comunidade educativa.

EU considera que o “decretazo lingüístico” esnaquiza o consenso acadado durante toda a historia do autogoberno galego, levado acabo a través da Lei 3/1983 de Normalización Lingüística e mailo Plan Xeral de Normalización Lingüística aprobado en setembro de 2004, sendo Vicepresidente da Xunta o propio Feijóo.

As bases do decreto producirán consecuencias negativas para a nosa lingua, o alumnado e a propia sociedade. A lingua galega, minorizada pola imposición secular dun poder político alleo as necesidades e arelas do pobo galego, require -para facer efectiva a súa normalización- ser a lingua vehicular na escola; a actual lexislación (decreto 124/2007) aínda sendo insuficiente para conquerila como non deixan de pór en claro os diversos estudos e informes sociolingüísticos realizados, supuña un paso adiante pois é un feito cientificamente demostrable que as linguas febles como a galega necesitan da discriminación positiva para garantir a competencia do alumnado, como así o recolle o Informe do Consello da Cultura Galega, que advirte de que "en ningún caso se deben tomar medidas que supoñan pasos atrás no proceso de recuperación do galego" e que a nosa lingua “precisa dun apoio especial para superar a súa posición actual de desvantaxe”. Nembargantes as presentes bases do “decretazo lingüístico do PP” apuntan cara a progresiva desaparición do galego como lingua viva e de cultura, na procura do pensamento único tan característico dos gobernos neoliberais.

O noso alumnado vai saír particularmente prexudicado porque a notable redución das horas de ensino en galego vai afondar na deriva que xa acontece hoxe de que unha parte crecente do alumnado remate a súa escolarización sen as debidas competencias lingüísticas na lingua propia do seu país. A nosa organización non pode deixar de chamar a atención sobre a irrealidade que adorna o decreto cando o terzo das horas que se din nas bases íanse impartir en inglés quedan en nada, na Disposición transitoria 1ª, como a impartir segundo a opinión das familias, porque se recoñece que os centros educativos non dispoñen dos cadros de persoal apropiados para facer cumprir o ensino en inglés. Semella sorprendente que se lexisle que un terzo das materias terán que impartirse en inglés cando a Consellaría está a eliminar os desdobres nesta materia e cando vén de reducir nun 30% os recursos para a formación do profesorado neste orzamento.

Os prexuízos tamén serán para a sociedade galega, que terá que afrontar a desfeita das pequenas guerras da lingua que se van producir polas escolas do país ao terse que pronunciar nais e pais pola lingua na que se van impartir as clases aos seus fillos. Déixase nas mans dos proxenitores unha decisión que corresponde en puridade a administración educativa da Xunta. Decisión que ademais vaise producir cada catro anos, tomando uns pais as decisións por outros coa cadencia acordada. EU considera inaceptable que o PP pretenda levar as aulas o conflito da lingua que eles mesmos xeraron cun demagóxico discurso electoralista. Semella que o Goberno do PP pretende utilizar a nosa cultura, a nosa lingua, como elemento de distracción da crúa realidade galega, onde as políticas antisociais e privatizadoras da Xunta de Feijóo lonxe de paliar a crise están a afundir o país aumentando o desemprego e as diferenzas sociais, tal e como o están a indicar diversos indicadores económicos e sociais.

Esquerda Unida considera que o anuncio da Consellaría de abrir unha rolda de consultas só tenta buscar unha semella de lexitimidade ao ataque contra a lingua propia de Galicia, xa que logo, a decisión xa está tomada. A nosa organización reclama abrir un amplo diálogo social para conquerir unha plena e eficaz aplicación da lei e do plan de normalización lingüística no que ninguén se sinta excluído, polo que en aras da concordia e o entendemento solicita ao PP a retirada das bases do decreto, falazmente alcumado do plurilingüismo.

Gabinete de Prensa

Secretaría de Comunicación

Executiva Nacional de Esquerda Unida

No hay comentarios:

Publicar un comentario