martes, 9 de marzo de 2010

ESQUERDA UNIDA LAMENTA QUE A MESA DO PARLAMENTO GALEGO REXEITE A ADMISIÓN A TRÁMITE DA ILP

ESQUERDA UNIDA LAMENTA QUE A MESA DO PARLAMENTO GALEGO REXEITE A ADMISIÓN A TRÁMITE DA INICIATIVA LEXISLATIVA POPULAR QUE PRETENDÍA GARANTÍR OS DEREITOS LINGÜÍSTICOS NA GALIZA

PARA EU A POSICIÓN ADOPTADA POLOS MEMBROS DA MESA DO PP E DO PSOE, QUE SE OPUXERON AO SEU TRÁMITE, AMOSA O SEU CLARO DESINTERESE POLA CULTURA E A LINGUA GALEGA

A PLATAFORMA QUEREMOS GALEGO MANTERÁ O SEU CALENDARIO DE ACCIÓNS E RECOLLIDA DE FIRMAS COMO SE A ILP ADMITÍRASE A TRÁMITE

Onte coñeceuse a triste nova do rexeitamento pola mesa do Parlamento galego da admisión a trámite da Iniciativa Lexislativa Popular (ILP) rexistrada o pasado luns 8 de febreiro de 2010 pola Plataforma Queremos Galego, da que forma parte Esquerda Unida, co propósito de garantir os dereitos lingüísticos que a plataforma está a defender nos últimos meses.

Esquerda Unida lamenta enormemente a posición adoptada polos membros da mesa do PP e do PSOE que se opuxeron ao tramite da devandita ILP, o que ao noso entender amosa con claridade o desinterese pola cultura e a lingua galega de ámbolos dous partidos políticos. Posición comprensible no PP, non en vano lanzou o “decretazo” contra o galego, pero inexplicable no PSOE que se manifestou na defensa da lingua galega.

Para EU a actitude do PSOE ven a demostrar que o interese pola lingua galega amosado tempo a tras durante as mobilizacións cidadás, tiña máis que ver con estratexias electoralistas que polo verdadeiro interese na defensa da cultura e a lingua galega. A actual incoherencia do PSOE, partido político que se di de esquerdas, amosa a súa habitual liña de actuación populista, prometendo cara a opinión pública e incumprindo nas institucións cando o tema en cuestión perde capacidade mediatica. Unha forma de facer política que Esquerda Unida rexeista con rotundidade.

Esquerda Unida quere recordar que a dita ILP pretende facer efectivos os dereitos lingüísticos do pobo galego, dando cumprimento ao deber de fomento do uso do galego na vida pública para que a nosa lingua propia acceda a ámbitos institucionais e privados dos que tradicionalmente estivo excluída, nun momento en que a grave perda de falantes aconsella a adopción de medidas urxentes con rango de lei formal como recollen os compromisos internacionais derivados da Carta europea de linguas rexionais e minoritarias de 1992, ratificada polo Estado español en 2001, e o acordo unánime do Parlamento de Galiza.

Así pois a Plataforma Queremos Galego manterá o seu calendario de accións e recollida de firmas como si a ILP admitírase a trámite para demostrar tanto ao PSOE como ao PP que están a actuar de costas a cidadanía galega.

Gabinete de Prensa

Secretaría de Comunicación

Executiva Nacional de Esquerda Unida

No hay comentarios:

Publicar un comentario