
EU UNIDA ACUSA A XUNTA DE GALICIA DE OSTRACISMO INFORMATIVO AO NON DAR  PULO DOS RESULTADOS DO INFORME QUE ENCARGOU AO INSTITUTO DE SILICOSE DE  OVIEDO
ESQUERDA UNIDA ESIXE A XUNTA DE GALICIA QUE FAGA PÚBLICO O INFORME  DESENVOLVIDO QUE, AO PARECER, CONCLÚE QUE O 8% DOS TRABALLADORES E TRABALLADORAS  DO SECTOR DA LOUSA PADECEN SILICOSE 
 
O eurodeputado de Esquerda Unida, Willy Meyer, presentou unha  interpelación ante a Comisión Europea para promover medidas de protección dos  traballadores e traballadoras do sector da lousa e para instar á Unión Europea a  que se pronuncie ante a falta de publicación por parte da Xunta de Galicia do  estudo realizado polo Instituto de Silicose de Oviedo que revela un aumento dos  casos de silicoses. 
"No Courel, na provincia de Lugo e no Val de Valdeorras, en Ourense, miles de postos de traballo estiveron vinculados á extracción e transformación do mineral de lousa. Estes traballadores e traballadoras sufriron e sofren exposición ao po de sílice, cristal que inhalan sen as medidas de protección apropiadas e que se acumula nos pulmóns, chegando a provocar insuficiencia respiratoria. Así mesmo, dáse a circunstancia de que a enfermidade só se detecta a partir duns oito anos de exposición. Varias louseiras pecharon recentemente. Á perda do emprego, hai que engadir que non se determinou o grao de afección de silicose no momento de quebra da empresa, o que imposibilita que en caso de padecer a enfermidade no futuro o traballador poida alegar que se debe á súa actividade no sector da lousa. Do mesmo xeito, este non dispón de coeficiente reductor de cara á xubilación.
Segundo diversas informacións, hai uns meses a Xunta de Galicia e o Ministerio de Industria encargaron un estudo ao Instituto de Silicose de Oviedo o cal, ao parecer, conclúe que o 8% dos traballadores do sector padece silicose, o que suporía un aumento na afección da enfermidade, ante a carencia de medidas preventivas. Sen embargo, este estudo non foi publicado, a pesar da petición de diversos sindicatos.
As preguntas realizadas á Comisión Europea son as seguintes:
Dado que o dereito á saúde obriga aos Estados a xerar as condicións nas  que todos poidan vivir saudablemente, segundo estipula o artigo 12 do Pacto  Internacional de Dereitos Económicos, Sociais e Culturais de Nacións Unidas,  cónstalle á Comisión se as autoridades españolas adoptaron as medidas  pertinentes de protección de traballadores expostos ao po de sílice? En caso  afirmativo, pode informar en que consisten?
Dado que a directiva marco 89/391/CEE, relativa á aplicación de medidas  para promover a mellora da seguridade e da saúde dos traballadores no lugar de  traballo, establece a obrigación de informar aos traballadores, consultarlles e  permitir a súa participación no marco de todas as cuestións que afecten á súa  seguridade e á súa saúde, non considera a Comisión que a Xunta de Galicia  debería facer público este informe?" 
 
 
 
No hay comentarios:
Publicar un comentario