Atopámonos nunha recesión económica e laboral sen precedentes. A actual  crise do capitalismo ven a confirmar o que dende a esquerda alternativa e  transformadora vimos denunciando dende hai un longo período de tempo. Resultado  da devandita crise a taxa de desemprego supera o 20% a nivel estatal o que ven a  supoñer máis de 4.600.000 paradas e parados, en Galicia son máis de 240.000 as  persoas desempregadas. Máis dun millón de traballadores e traballadoras en paro  non cobran subsidio de desemprego, é dicir, atópanse ao borde da exclusión  social, á vez que se producen miles de desafiuzamentos por non poder pagar a  hipoteca provocando que moitas familias perdan o seu  fogar.
Non é tecnicamente posible precisar a curto prazo a evolución desta  recesión e da futura depresión, polo que os anuncios de brotes verdes e futuros  esperanzadores son propios de políticos desaprehensivos. Xa que logo, trátase dunha crise do sistema capitalista  en xeral, agravada polas políticas neoliberais aplicadas en España e en Galicia  polo PP, PSOE co apoio dos nacionalistas.
 
Aproveitando o medo e desesperación da xente, os defensores do capital tratan de impoñer  novos recortes de dereitos para a cidadanía. Baixo o nome de “Reforma Laboral”, pretenden impor o  despido gratis, queren acabar cos convenios, reducir os gastos sociais en  educación, sanidade e dependencia, atrasar a idade de xubilación ós 67 anos, por  agora, e alongar o período de cómputo das pensións. Pero non queren reducir os  gastos militares, as axudas á banca e a unhas poucas empresas privadas.  
Fronte a estes despropósitos hai unha política alternativa, global,  defendida por Esquerda Unida, froito dun rigoroso estudio das nosas posibilidades reais de  desenvolvemento sostible e da interlocución cos movementos sociais. Así, entre  outras moitas medidas, propoñemos  implantar a Banca Pública non especulativa en burbullas financeiras nin  paraísos fiscais, que axude a un tecido  produtivo sostible ecoloxicamente e xerador de postos de traballo e a  titularidade pública da Educación, Sanidade e Servizos Sociais para garantir  calidade e universalidade. Para iso propomos rebaixar o IVE e aumentar os  impostos directos que tanto o PP como o PSOE se encargaron de rebaixar ás  grandes fortunas. 
Para Esquerda Unida a celebración do 1º de Maio debe ser o referente inescusable da clase traballadora e converténdose no mellor marco para demostre a súa forza e lle diga ó capital que non vai a tolerar máis atropelos. Por iso mesmo, dende Esquerda Unida chamamos a mocidade e a todos os traballadores e traballadoras a participares nas manifestacións do 1º de maio.
 
 
 
No hay comentarios:
Publicar un comentario