jueves, 9 de septiembre de 2010

O INFORME TÉCNICO DADO A COÑECER POR ALPUL AVALA AS ALEGACIÓNS PRESENTADAS POR EU NA XUNTA CINCO MESES ANTES

EU dubida da veracidade das declaracións da portavoz de urbanismo do BNG sobre Fixós


Esquerda Unida considera que o informe técnico feito público pola Asociación pola Legalidade dol Plan Urbanístico de Lugo (ALPUL) demostra que o Plan Xeral de Ordenación Municipal (PXOM) non se pode aprobar definitivamente se non desaparecen as máis polémicas recalificacións de solo. Trátase do informe técnico previo ao informe definitivo emitido pola Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas e que denegou a aprobación definitiva do PXOM.

Para EU, pese á presión que conxuntamente están exercendo o PSOE e o PP a través da Delegada de Urbanismo, María Novo, e do concelleiro Jaime Castiñeira, a Xunta non pode aprobar definitivamente o PXOM. No caso de aprobar o PXOM coas recalificacións de Fixós, Bosende ou Bocamaos, entre outras, a Xunta cometería a irregularidade de facer caso omiso dos informes técnicos e politizaría peligrosamente a súa decisión.

EU recalca que o dito informe avala claramente as alegacións que esta mesma forza política presentou en xuño de 2009 ante a susodita Consellería (adxuntas a este correo). Nesas alegacións EU solicitaba a reposición da clasificación dos terreos Fixós S-1.RD e Fixós S-2.RD por incumplir os preceptos da Lei de Ordenación Urbanística e Protección do Medio Rural de Galicia referidos á clasificación de solos rústicos de especial protección agropecuaria e forestal, respectivamente.

Tanto PSOE coma PP intentan agora presionar á Xunta para solucionar un problema que ámbolos dous xeraron e que pode conlevar responsabilidades xurídicas dos seus representantes no Concello.

Con respecto ás recalificacións da zona de Fixós, Paz Abraira, responsable de Urbanismo do grupo municipal do BNG, fixo unhas declaracións sinalando que o seu partido sempre se opuxo á construcción de chalés no entorno do campo de golf, a pesares de que si aceptaban a ampliación do campo.

EU amosa a súa desconfianza na veracidade das declaracións da concelleira nacionalista e plantexa tres cuestións dirixidas a dita concelleira e ao seu partido:

1. Por que tardaron máis dun ano (EU denunciouno en xuño de 2009) en falar do tema pese a que o PSOE, o PP e a directiva do clube de golf aseguraron que o BNG estaba dacordo nas recalificacións? En todo caso, por que non denunciaron ditas recalificacións?

2. Por que o BNG, e Paz Abraira en concreto como negociadora, admiten que nas fichas urbanísticas se sinale que a ampliación do campo se fará en base a un Plan Director da Consellería de Industria que ela sabe que non existe? O Conselleiro era o nacionalista Fernando Blanco.

3. Como pode dicir Abraira que da alegación presentada polo clube de golf so apoiaban a ampliación do campo se establecía a recalificación de 525.000 m2? Pensaba que se trataba de varios campos de golf? Trátase dunha superficie maior que o recinto amurallado de Lugo e a Lei do Solo, como amosa o informe presentado por ALPUL, é categórica na imposibilidade de recalificar en urbanizable terreo de bosque autóctono.

No hay comentarios:

Publicar un comentario