viernes, 10 de septiembre de 2010

EU AFIRMA QUE HAI ALTERNATIVA Á CRISE E QUE A SAÍDA ESTÁ POLA ESQUERDA, XUSTO O CONTRARIO ÁS POLÍTICAS QUE ESTÁ A DESENVOLVER O GOBERNO DO PSOE BASEADAS NOS DOGMAS NEOLIBERAIS QUE NOS LEVARON A CRISE

EU AMOSA O PLENO APOIO Á CONVOCATORIA DE FOLGA XERAL REALIZADA POLAS CENTRAIS SINDICAIS DE CLASE


Esquerda Unida convoca para o domingo día 12 de setembro unha manifestación "por unha saída de esquerdas a crise". A manifestación partirá ás 12 do mediodía da Alameda de Santiago de Compostela e nela participará a Agrupación comarcal lucense

A mobilización responde á necesidade de dar voz aos traballadores e traballadoras e dicirlle aos responsables da crise que hai outro xeito, social e democrático, de saír dela. Esquerda Unida rexeita con rotundidade as medidas tomadas ata o momento porque, ademais de seren inxustas, non serven para xerar emprego e saír da crise, cargando os custos da crise sobre aqueles que non somos responsables.

As principais razóns da mobilización son a defensa dun emprego estable e con dereitos, a loita por unha protección social plena e, amosar o noso apoio pleno á convocatoria de FOLGA XERAL realizada polas centrais sindicais de clase. EU quere manifestar de maneira colectiva que existe un abrente de esperanza para as persoas en desemprego, para os pensionistas e para o conxunto dos colectivos máis desfavorecidos da nosa sociedade.

A política do Goberno do PSOE asume os dogmas do neoliberalismo, aceptando os ditados antidemocráticos e antisociais do FMI, do Banco Mundial e do seu representante para Europa, a Comisión Europea, cuxo Presidente foi nomeado co acordo de PP-PSOE. Dende o orzamento para 2010 até o ataque que supón a contrarreforma laboral hai unha secuencia coherente de ataques e recortes aos dereitos das clases traballadoras e un desmantelamento dunha xa pobre protección social con medidas como o recorte do gasto público, perda de poder adquisitivo das pensións, baixada dos salarios no sector público ou recorte a dereitos adquiridos na lei da dependencia. E agora xa anuncian que van recortar as pensións, alongando a idade para se xubilar aos 67 anos e ampliando a base do período de cálculo até os 20 anos.

A contrareforma laboral constitúe o meirande ataque aos dereitos das clases traballadoras e serve de ferramenta de poder para o capital en detrimento da maioría social: abaratamento dos despedimentos, creación da figura do despido preventivo; legalización do tráfico de persoas mediante as oficinas privadas de colocación con ánimo de lucro e a ampliación do campo de actuación das ETTs. a todos os sectores; o aumento da flexibilidade interna a discreción da patronal; e o ataque á negociación colectiva, facilitando as cláusulas de descolgue nas empresas.

Esquerda unida entende que somentes a participación organizada das traballadoras e traballadores pode cambiar a dinámica do Goberno de rendición diante do capital e os mercados financeiros, polo que a nosa organización invita a cidadanía a organizarse e participar e loitar con nós pola defensa dos nosos dereitos, porque hai esperanza, hai alternativa.

Hai respostas e solucións á crise distintas desde a auténtica esquerda. Esquerda Unida presentou as súas 100 medidas para acadar unha saída de crise, entre as que se atopan:

- Reparto do tempo de traballo coa aprobación da lei das 35 horas sen redución salarial.

- Aprobación dunha lei de medidas de fomento do emprego que causalice a contratación e remate coa estendida realidade da contratación en fraude de lei.

- Creación dunha banca pública para dinamizar o creto e impulsar a economía produtiva e sustentable.

- Protección social plena de maneira que ningunha persoa en desemprego non reciba unha axuda suficiente mentres non atope traballo.

- Reforma fiscal que recupere a progresividade da imposición, grave de xeito extraordinario os beneficios da banca privada e combata de maneira eficaz o fraude fiscal empresarial cifrado nuns 30.000 millóns de euros anuais.

Este domingo, día 12 de setembro, ás 12:00 horas, na Alameda de Compostela, ímonos xuntar para de maneira colectiva, entre todas e todos, construír unha Alternativa á crise, porque hai unha saída pola esquerda: dar voz aos traballadores.

No hay comentarios:

Publicar un comentario