viernes, 3 de diciembre de 2010

AS MEDIDAS APROBADAS POLO CONSELLO DE MINISTROS SÓ SIGNIFICAN MÁIS MISERIA PARA OS PARADOS E MÁIS BENEFICIOS PARA AS GRANDES EMPRESAS
Esquerda Unida desmente que os cambios vaian favorecer as pequenas empresas e os autónomos


Para Esquerda Unida, o novo paquete de medidas económicas aprobado polo Consello de Ministros, especialmente a eliminación da axuda de 426 euros para os parados que non cobran ningunha outra prestación, só mostran o desvarío ao que chegou a política do Goberno e a súa xenreira contra os traballadores. Estas medidas só significan miseria para os parados e máis beneficios para as grandes empresas.

O gasto que representa a necesaria axuda aos desempregados -afirma- é insignificante en comparación co déficit público existente e moi inferior á diminución de ingresos polo Imposto de Sociedades que se vai producir ao estender a liberdade de amortización a todas as empresas. Esta é unha medida que só beneficiará ás grandes compañías, mentres eliminar a axuda aos parados, que é practicamente de subsistencia, crea unha situación dramática para moitas familias. Existen 890.000 desempregados que levan máis de dous anos buscando traballo.

É falso que estas medidas vaian favorecer a pequena empresa e os autónomos. Só favorecen as compañías de tamaño mediano e grande con beneficios. Que pequena empresa ou autónomo ten hoxe uns beneficios de 300.000 euros ou factura 10 millóns de euros? O que necesitan realmente as pequenas empresas en situación crítica é que haxa crédito dispoñible, que as administracións públicas lles paguen as súas débedas e se recupere o consumo para poder vender.

O acordado polo Goberno produce nos pequenos empresarios a sensación de que ven pasar un pastel que non está ao seu alcance. Máis aínda, se incorporamos a liberdade de amortización que producirá unha forte baixada da recadación por Sociedades nos próximos anos e constitúe un auténtico crédito fiscal para as grandes empresas. Todos eses beneficios só os verán o 2,8% das empresas, e moi poucas delas serán pequenas. Nese contexto, eliminar a obrigatoriedade da cota ás Cámaras é todo un sarcasmo cheo de humor negro, porque esas cotas representan unhas poucas decenas de euros ao ano.

O responsable económico de IU denuncia que "a privatización da xestión dos aeroportos que producen beneficios (evidentemente non dos que teñen déficit) só representa un incremento da debilidade do Estado ao entregar un servizo público rendible ao capital privado. Nuns meses veremos quen queda co concurso e poderemos repasar se non está entre os participantes na recente reunión de Rodríguez Zapatero coas 37 maiores empresas.

Por outra parte, o aumento de orientadores no Servizo Público de Emprego é positivo pero insuficiente. En España hai un traballador do servizo público de emprego por cada 17 parados, mentres a media da Unión Europea é un por cada 6 desempregados. Ademais, se non se reforma seriamente este servizo, a eficacia do aumento é discutible.

Ademais, a supresión dos requisitos para poñer en marcha empresas pode conter os aspectos máis regresivos da Directiva de Servizos da Unión Europea, confirmando -baixo a escusa de facilitar os trámites- a inseguridade no cumprimento dos requisitos esixidos pola lexislación laboral, a ambiental ou os requirimentos de seguridade.

O Goberno parece non ter ningún problema de déficit cando se trata de axudar ás grandes empresas, peri si que o ten coas políticas sociais e de defensa do público. A loita contra o déficit só serve para xustificar o recorte nas prestacións de desemprego ou o incremento do imposto sobre o tabaco.

No hay comentarios:

Publicar un comentario