jueves, 2 de diciembre de 2010

ESQUERDA UNIDA CONSIDERA QUE O PXOM TAMPOUCO ESTARÁ APROBADO DEFINITIVAMENTE NESTA LEXISLATURA

Pese a que o goberno municipal anuncia a aprobación definitiva do PXOM nun pleno extraordinario o vindeiro 17 de decembro, EU considera que a aprobación definitiva está moi lonxe de materializarse e que tampouco haberá PXOM antes de rematar a lexislatura.

En primeiro lugar, xa é difícil crer á delegada de Urbanismo cando anuncia por enésima vez o Pleno para a aprobación do PXOM, porque ese mesmo anuncio xa se fixo en moitas ocasións para gañar tempo de cara á opinión pública. Incluso chegou a afirmar que tralo informe de Cultura xa podería aprobarse o PXOM, obviando o novo informe preceptivo durante tres meses pola Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestructuras .

Pero no caso de que non sexa unha nova "cortiña de fume" e o Pleno se celebre, é importante sinalar algúns aspectos:

a) Se o PXOM establece os cambios requeridos polos informes da Xunta significará que as reclamacións de EU e outras asociacións tiveron que ser atendidas e goberno municipal se debeu plegar á legalidade. Así, debería contemplar o preceptivo informe de Cultura para a unidade CS-5, estenderá o ámbito de proteción do parque Rosalía e o sanatorio Portela; deberá modificar puntualmente o planeamento do Carme ou deberá rectificar as recalificacións de solo rústico en urbanizable de Fixós, Bosende ou Bocamaos, entre outras.

Neste sentido lembrar que o informe negativo emitido pola Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestructuras sinala textualmente que "Non consta xustificación de que determinados terreos sexan precisos para un desenvolvemento urbanístico racional e sostible (artigo 15. e da LOUG). Sinala o informe asemade que en 23 sectores "conforme ao artigo 14 da LOUG, non se poden clasificar como Urbanizables terreos que polas súas características deban ser clasificados como Solo Rústico".

b) No caso de que o PXOM non contemple os cambios requeridos, os partidos que previsiblemente aprobarían o PXOM, PSOE e PP, estarían trasladando á Consellería un documento que o informe preceptivo rexeitaría de novo. Pero neste caso, o que é máis grave, poderían incurrir en varios posibles delitos polos que diferentes xulgados de Lugo xa están actuando: Garañón, Fixós, etc.

En todo caso, despois da aprobación no Pleno, se celebre agora ou posteriormente, restarán tres meses para a emisión do informe da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestructuras. No mellor dos casos, porque a última vez, entre a aprobación provisional no Pleno (xaneiro 2009) e o informe da Consellería transcorriron dez meses por erros na documentación. E aínda habería que agardar que o informe fose positivo, porque no caso contrario voltaría a repetirse o proceso.

Estes son os principais motivos polos que EU sinala que non haberá PXOM nesta lexislatura e que PSOE e PP, que están nuha posición complicada por este feito, farán o posible por confundir aos lucenses nos vindeiros meses. Os dous partidos son responsables por intentar impoñer un Plan Xeral "á carta" que so beneficia intereses dalgúns particulares fronte á maioría.

Pero ademais, EU denuncia que o goberno pretenda presentar novamente o PXOM con nocturnidade, coa intención primordial de que non o coñezan os lucenses. É un gran exercicio de cinismo que o goberno negara a exposición pública do PXOM e ao mesmo tempo a delegada de urbanismo se pregunte de onde pode obter algunha asociación a información completa do PXOM. O documento do PXOM tivo que circular clandestinamente porque non se expuxo públicamente como solicitou EU no seu día (documento adxunto) cando os tres partidos (PSOE, PP e BNG) anunciaban cambios sutanciais froito das súas negociacións. Isto posibilitou que formulásemos denuncias públicas nas que hai serios indicios de corrupción urbanística.

Tamén EU valora positivamente que o BNG anuncie que vai "revisar de arriba a abaixo o plan para evitar que se intenten colar recalificacións e modificacións urbanísticas que nada teñen que ver co interese xeral". Para EU é bo que por fin alguén que negociou os cambios do PXOM e coñecía de primeira man o documento decida implicarse, despois de que as denuncias polas recalificacións e modificacións irregulares do PXOM aprobado provisionalmente en 2009 partiran de EU e de outras asociacións como a Asociación en Defensa do Parque Rosalía de Castro ou ALPUL.

¿Por que imos crer que o Pleno aprobará o PXOM en decembro de 2010?

Finalmente aprobouse en xaneiro.

No hay comentarios:

Publicar un comentario