lunes, 9 de mayo de 2011

EU DEU A COÑECER AS SÚAS PROPOSTAS DE ENSINO NA SAÍDA DOS CENTROS EDUCATIVOS PÚBLICOS DA CIDADE




O candidato á alcaldía, Carlos Portomeñe, e o segundo da candidatura, Ramón Vázquez, entre outros, presentaron as propostas sobre Ensino de EU no CEIP Anexa. Ademais, outros/as membros da candidatura entre os que se atopaban Isabel Sánchez, Alejandro Robledillo, Iago Castro ou Pablo Sánchez, fixeron o mesmo nos centros de Quiroga Ballesteros, A Piringalla e A Ponte, acompañados por outros compañeiros da candidatura.


Ramón Vázquez, orientador de Primaria, sinalou que "o mellor xeito de garantir o dereito universal á educacion é a defensa do ensino público durante toda a vida, desde a etapa dos 0 aos 3 anos nas escolas infantís ata o ensino universitario". Neste sentido, destacou que "resulta imprescindible unha oferta educativa que inclúa a formación para o emprego e a formación das persoas maiores, asegurando unha educación de calidade para todos e todas en condicións de igualdade".

As principais propostas de Esquerda Unida no eido educativo son:

- Expansión da rede pública de escolas infantís ata cubrir a demanda existente no ciclo de 0 a 3 anos, con xestión pública e gratuíta.

- Un amplio plan de actividades extraescolares, realizado en coordinación coas ANPAS (Asociacións de Nais e Pais de Alumnos).

- Concertar as actividades extraescolares con asociacións deportivas e culturais de ámbito local, para promover o deporte de base e a cultura fronte ao modelo actual baseado na subcontratación das actividades a empresas privadas.

- Creación dunha escola pública no centro da cidade, formando parte do Plan de Dinamización do Casco Histórico.

- Creación dun proxecto de intercambio de libros de texto a nivel municipal, en coordinación coas ANPAS.

- Escolarización con equidade dos nenos e nenas pertencentes a grupos en risco de exclusión social entre todos os centros de ensino públicos e concertados, para evitar a creación de guetos. Para elo crearanse as Comisións de Escolarización Municipais.

- Creación dun Programa-marco municipal de apertura dos centros educativos e das súas instalacións ó seu contorno fóra do horario escolar.

- Facilitar o acceso dos centros educativos a grupos e asociacións a fin de maximizar os recursos existentes. Salóns de actos, instalacións deportivas ou bibliotecas accesibles co obxectivo de dinamizar o movemento asociativo nos barrios.

- Potenciar unha oferta educativa municipal integral, dirixida a todos os colectivos, con especialmente ás persoas adultas, migrantes e retornadas. Farase fincapé nos eixos das novas tecnoloxías, a integración cultural, medio ambiente, conciencia social, etc.

No hay comentarios:

Publicar un comentario