sábado, 15 de octubre de 2011

EU APOIA A PLATAFORMA CONTRA A CORRUPCIÓN E EN DEFENSA DA XUSTIZA

E chama á participación na manifestación do venres 21 de outubro

 

EU de Lugo apoia decididamente as reivindicacións da PLATAFORMA CONTRA A CORRUPCIÓN E EN DEFENSA DA XUSTIZA recentemente constituída en Lugo. Asemade fai un chamamento á súa militancia, aos seus e súas simpatizantes así como á cidadanía en xeral a apoiar a manifestación que se celebrará o vindeiro venres 21 de outubro "contra a corrupción e en apoio das xuízas Pilar de lara e Estela San José".

    EU leva anos denunciando diversas formas de corrupción, con especial incidencia no eido urbanístico que, lamentablemente, teñen situado a Lugo nos titulares da prensa estatal nos últimos anos, con asuntos tan variopintos como a explotación sexual, a explotación de migrantes, o tráfico de armas, a prevaricación urbanística, o lavado de capitais, ou supostos fraudes nas concesións do Plan E ou das subvencións, entre outros, e que todo apunta que están relacionados entre sí. Os e as lucenses estamos xa familiarizados coas numerosas tramas investigadas polos xulgados lucenses: Operación Carioca, Operación Campeón, operación pola retirada das multas de tráfico, operación pola retirada de multas na policía local, dilixencias abertas polo PXOM (Plan Xeral de Ordenación Municipal), Operación Rei, Operación "Pollo", Operación Muralla, e outras de carácter urbanístico como O Garañón, República Arxentina, o Seminario, etc.

     Varias causas xudiciais abertas e centos de imputados e testigos chamados a declarar. Esa é a realidade nos últimos anos na cidade de Lugo. En todas elas un denominador común: políticos, empresarios e funcionarios públicos baixo sospeita de supostos delitos de corrupción. Na convicción de loitar contra o silencio, contra a omertá declarada ao respecto na política lucense, Esquerda Unida alza a voz para loitar contra esa lacra social que é a corrupción. Con este motivo, EU mantén aberto un espacio dixital onde se pode acceder a toda a información sobre os diversos casos investigados nos xulgados lucenses:

http://lugoanticorrupcion.blogspot.com/

     EU considera que a cidadanía lucense en xeral debe reaccionar con decisión. Está en xogo a credibilidade das institucións políticas e das estruturas socioeconómicas da provincia. Pero tamén está en xogo a independencia do poder xudicial e a separación de poderes. É preciso que os xulgados poidan traballar sen estar sometidos a constantes presións, especialmente no caso concreto das titulares dos xulgados nº1 e nº3 que investigan os casos máis importantes e de maior relevancia.

     Para EU, a creación da Plataforma responde a un proceso lóxico de resposta a unha lacra da nosa cidade, e que se traduce na converxencia dos principais colectivos e persoas a título individual que nos últimos anos levan combatindo prácticas clientelares, caciquís e ilegais que hoxe, por desgracia, nos levan a encabezar os titulares de prensa estatais. Colectivos e persoas cos que EU terá o orgullo de participar pola defensa, aí é nada, dos valores democráticos e o Estado de Dereito.

No hay comentarios:

Publicar un comentario