EU esixe que se adopte de maneira urxente un plan de choque para rachar esta tendencia.
Lugo foi a segunda Provincia de todo o estado na que mais se elevou o paro no mes de novembro, cunha subida do 7%, moi por riba do 1,37% de subida media estatal.
1.637 lucenses pasaron a engrosar as listas do paro no último mes, chegándose xa aos 25.031 parados na provincia, unha cifra imposible de asumir e que sitúa cada vez a mais persoas en risco de exclusión e desprotección social, pois mais de 10.000 parados da provincia carecen de prestación algunha. Dos novos parados, 814 pertencen ao sector servizos, 370 ó sector da construcción ,163 ó sector industrial e 105 á agricultura.
Polo que se refire a Galicia, cunha subida do 4,66%, alcánzase o teito histórico con 253.416 parados e sitúanos entre as comunidades líderes en destrucción de emprego do territorio español. Estes datos poñen de manifesto o nulo resultado das políticas de emprego desenvoltas en Galicia polo Partido Popular, e esixen asumir as competencias que ten atribuídas nesta materia o Goberno Galego.
Os sucesivos aumentos na tasa de paro constatan, ademais, o fracaso da contrarreforma laboral e das políticas de axuste, que non fan outra cousa que aumentar un problema para cuxa solución se fan imprescindibles a recuperación do crédito, unha política fiscal mais xusta, un impulso ao sector industrial, o apoio aos sectores productivos e axudas ás pequenas e medianas empresas, como sinala o programa político de EU.
A situación do desemprego en Lugo amosa a ineficacia das políticas desenvoltas polas diferentes instancias institucionais, polas que teñen pasado as forzas do tripartidismo, incapaces de ofrecer alternativas para unha mínima converxencia socio-económica da provincia. Lugo sufre as consecuencias do tradicional abandono institucional e dun modelo económico que estivo subordinado, fundamentalmente, ao sector do "ladrillo", o cemento e o alquitrán, e cuxa responsabilidade corresponde a determinados políticos e grandes empresarios que pensaron mais no beneficio a curto prazo que no desenvolvemento real da economía e dun reparto máis equitativo da riqueza.
Dende Esquerda Unida defendemos a necesidade dun Pacto polo Emprego dende o diálogo e a concertación social, para avanzar no establecemento de medidas conxuntas que vaian mais alá das estrictas políticas de reducción do déficit publico, que restan recursos á actividade económica e arrasan cos servizos públicos.
No hay comentarios:
Publicar un comentario