viernes, 25 de noviembre de 2011

Carta de Cayo Lara e valoración dos resultados electorais

Estimado/a amigo/a:

   Hoxe enviamos a carta dirixida por Cayo Lara a todos os militantes e simpatizantes, así como unha primeira valoración dos resultados acadados en Lugo.

   Queremos expresar o profundo agradecemento da nosa Agrupación comarcal a todos e todas os que nos destes a vosa confianza e decidistes ser partícipes co voso voto dun resultado histórico que marca, desde o noso punto de vista, a remontada da esquerda alternativa no noso país, na nosa provincia e na nosa cidade.

   Estamos plenamente convencidos de que existe unha saída social á crise, e que podemos materializala entre todos e todas, na rúa e nas urnas. Xuntos podemos conseguir unha sociedade onde prevalezan os principios da igualdade, a liberdade, a solidariedade e a xustiza social, e podemos empezar pola nosa cidade. No noso afán estaba, e está, compartir esa ilusión.

   Estamos moi satisfeitos. Pero os votos non son nosos, son vosos. Non miramos estes resultados con euforia nin triunfalismo, senón como unha responsabilidade. A responsabilidade de ser dignos merecedores da vosa confianza e seguir traballando codo a codo, día a día, para recuperar a dignidade da Política, tan escasa na actualidade.

Unha aperta,

Consello local de EU Lugo

VALORACIÓN PROVISIONAL DOS RESULTADOS ELECTORAIS DO 20-N

   Á espera da celebración da Asemblea comarcal e a súa valoración, o Consello local de EU elaborou unha primeira análise dos resultados electorais en Lugo e provincia que fixeron pública en rolda de prensa Ramón Vázquez e Carlos Portomeñe.

   O pasado 20 de novembro, a coalición electoral EU-V acadou na cidade de Lugo 2.745 votos (4,91%) e 6.448 votos (3,01%) na provincia. En ámbolos dous casos supón o mellor resultado de sempre en eleccións xerais, e mesmo supera os votos acadados en 1996 cando IU obtivo os históricos 2.639.774 votos, o 10,54%. Tendo en conta as cifras, podemos calificar os resultados de exitosos. Mesmo no voto CERA, o dos non residentes, somos a cuarta forza e acadamos 103 votos (3,8%), a só 4 votos dos 107 do BNG.

   Somos, con diferencia, a forza política con maior crecemento en términos porcentuais. Na cidade de Lugo incrementamos os votos nun 183%, 1.775 máis que en 2008. Hai varias mesas electorais onde xa somos a terceira forza política. Cun sistema electoral xusto, coa barreira legal no 3% (pola que loitaremos nos vindeiros meses) EU xa podería acadar con este resultado en Lugo un deputado autonómico. Por suposto, loitaremos por superar o 5% necesario, porque é posible.

   Estes datos amosan que imos polo bo camiño. Somos unha forza que ofrece alternativas claras e concretas para xerar emprego, que loita contra a corrupción política, que defende os servizos públicos (iniciaremos en breve unha campaña para frear a privatización do ciclo da auga polo goberno municipal), e que cre profundamente na democracia participativa, na elaboración colectiva: o programa participado por mais de 15.000 persoas é un claro exemplo.

   Demostramos que cando hai ideas e cercanía coa cidadanía se poden facer campañas electorais austeras e sen grandes coberturas mediáticas. Co presuposto de campaña de EU Lugo os axentes do tripartidismo non alcanzarían nin para un anuncio na prensa.

   De novo, o noso agradecemento. Atoparémonos na acción.

No hay comentarios:

Publicar un comentario