martes, 2 de julio de 2013

Pregunta parlamentaria sobre o COF diocesano

ESQUERDA UNIDA PREGUNTARÁ NO PARLAMENTO POLO APOIO PÚBLICO Ó CENTRO DE ORIENTACIÓN FAMILIAR DO BISPADO MENTRES PROCEDE Ó PECHE E DESMANTELAMENTO DOS CENTROS PÚBLICOS DEPENDENTES DO SERGAS.

EU Lugo considera inadmisible que mentres o Goberno Galego procede ó desmantelamento dos Centros de Orientación Familiar públicos, apoie a creación do Centro de Orientación Familiar “Diocesano” dependente do Bispado de Lugo e preguntará, en Sede Parlamentar, polas axudas públicas ós COF da Igrexa.

EU denuncia as carencias na atención da saúde sexual e reprodutiva e na prevención dos posibles problemas relacionados con ela como os embarazos non desexados, infeccións de transmisión sexual, problemas sexuais e de parella, agresións sexuais, etc.. que se producen nun contexto de crise económica aguda cunhas nefastas consecuencias, sobre todo, nas persoas con menos recursos.
Ó peche dos Centros de Orientación Familiar (COF) públicos, súmase o desmantelamento progresivo de outros mediante a falta de cobertura de prazas de persoal de enfermería, obstétricia xinecolóxica, psicoloxía clínica, traballo social e xinecoloxía o que provoca que existan centros nos que os profesionais comparten actividade en dispositivos sanitarios diferentes (outras consultas de xinecoloxía, de saúde mental…) ou, nalgúns casos, que non se adapten ao perfil profesional adecuado para este tipo de centros. Uns feitos aos que hai que engadir a non cobertura de xubilacións e a sobrecarga asistencial.
No caso de Lugo o COF da cidade non dispón de traballadora social, e no de Monforte á falta desta especialista se engade a inminente supresión da praza de auxiliar de clínica. O COF de Monforte so dispón de servizo de xinecoloxía dous días por semana e sempre condicionada ás necesidades do hospital desta localidade.
Para maior gravidade e mentres isto sucede, o COF Diocesano inaugurado en Lugo en datas recentes, se publicita empregando o nome do servizo público do SERGAS coa conseguinte confusión que isto implica nos usuarios, para finalmente abordar a saúde afectivo sexual dende un prisma acientifico e confesional, aproveitando as carencias asistenciais provocadas nos COF Públicos.
De feito, dende o COF Diocesano se ofrecen servizos de asesoramento en métodos anticonceptivos, asesoramento psicolóxico e psicoterapia, terapia familiar e de parella, avaliación psiquiátrica, problemas de fertilidade etc. Uns servizos que, para maior abondamento, se presentan como servizos de pago sen aclarar tarifas á vez que se encadran dentro da Fundación sen ánimo de lucro COF Diocesano de Lugo, constituída expresamente para garantir a estrutura financeira, xurídica e de goberno do propio COF Diocesano.

Esquerda Unida considera prioritario o mantemento dos COF cun carácter público, interdisciplinario e con persoal e medios suficientes, axeitados e accesibles.

Os ponentes na Xornada de Inauguración do COF Diocesano: O bispo de  Lugo  Alfonso Carrasco Rouco, o Subdelegado do Goberno  Ramón Carballo e a Xefa Territorial da Consellería  de benestar social e  traballo Marta   Barreiro.

No hay comentarios:

Publicar un comentario