EU CONSIDERA QUE O CONCELLO DE
LUGO SOFRE UNHA CLARA CRISE INSTITUCIONAL
O último Pleno confirma a falla
de alternativas reais e a negativa dos partidos a asumir o problema da
corrupción para correxilo
EU considera que o pleno municipal
extraordinario para debatir sobre o estado do Concello puxo de manifesto a crise
institucional que vive a institución, así como o desgaste que sofren os partidos
do "tripartidismo harmónico" que desde 1999 acaparan os escanos municipais. O
Pleno amosou a falla de alternativas reais para superar a crise política,
económica, social e democrática que vive o municipio. Ademais, persiste a sombra
dunha corrupción política estrutural que negan os tres partidos, agravada pola
negativa do alcalde a asumir responsabilidades políticas pola súa situación
xudicial de imputado. Por estas e outras razóns, hoxe a cidadanía lucense ten
menos confianza na institución municipal que hai un ano.
Sobre todo, EU responsabiliza aos tres
partidos (PSOE, PP e BNG) do desprestixio no que, lamentablemente, caeu o
Concello de Lugo como institución pola sombra da corrupción política, co propio
alcalde imputado. Unha imputación que levou á quebra do goberno polo abandono do
BNG, malia que xa entrara con Orozco imputado e baixo sospeita.
A negativa dos tres partidos a
recoñecer a existencia de corrupción política en Lugo e o intento de facela
aparecer como algo puntual, levou ao seu silencio cómplice e contribuiu ao
actual desprestixio social da política. A negativa do alcalde de Lugo a dimitir,
pese á súa situación de imputado en diferentes causas xunto ós seus
colaboradores de máxima confianza, contribúe decisivamente ao descrédito da
institución en Lugo e á imaxe negativa da cidade no exterior.
Unha corrupción ligada á política do
"ladrillo" dos últimos anos e á privatización de servizos públicos, como se pode
comprobar nas máis recentes accións xudiciais.
Non é certo, como sinalan PSOE e PP,
que o problema do urbanismo sexa o "5%" do PXOM sen aprobar. O problema é que
todo o urbanismo dos últimos anos está baixo sospeita de ilegalidades, desde as
torres do Garañón (paralizadas por orde xudicial) ata o Plan Xeral de Ordenación
Municipal (PXOM), recurrido na súa totalidade ante o Tribunal Superior de
Xustiza de Galicia. EU mantivo sempre que a aprobación do PXOM polo PSOE e o PP
pode e debe conlevar responsabilidades penais.
Ademais, no último ano varios
colectivos denunciaron irregularidades sobre tramos inundables que non se tiñan
en conta no PXOM. A súa denuncia destapou que o exconcelleiro de urbanismo,
Francisco Fernández Liñares, asinara o informe sobre o PXOM sen estar completo
cando era Presidente presidente da Confederación Hidrográfica do Miño-Sil.
Destacar a paradoxa de que o responsable das polémicas recalificacións do PXOM,
incluíndo as súas propias fincas, daría o visto bo ao PXOM desde o seu cargo
dependente do Ministerio de Medio Ambiente.
Pero as causas xudiciais, especialmente
a Pokémon, puxeron de manifesto que a corrupción no Concello está directamente
relacionada coa privatización de servizos públicos municipais, política que non
é allea a ningún dos gobernos municipais anteriores. O Xulgado de Instrucción nº
1, interviu equipos informáticos no Concello para investigar numerosas
concesións e contratacións. O resultado é que servizos como a grúa e a ORA están
baixo tutela xudicial. Sen embargo, o acordo de goberno entre o PSOE e o BNG
insistiu nese modelo neoliberal e decidiu constituir unha empresa mixta para o
ciclo completo da auga; un sistema privatizador idéntico ao escollido por
Esperanza Aguirre para o Canal Isabel II de Madrid.
Outras concesións, entre as que destaca
a do transporte urbano, están caducadas, e a psicosis xenerada no equipo de
goberno polas diversas actuacións xudiciais impide darlles unha solución
axeitada.
Seguindo cos tribunais, continuaron as
sentencias desfavorables pola política laboral do Goberno Municipal, ao que hai
que engadir a situación de tensión e inseguridade laboral que viven os
traballadores e traballadoras municipais.
Unha das decisións máis negativas
nestes meses foi a aprobación, cos votos favorables de PSOE e PP, da compra de
accións do C.D. Lugo S.A.D. por valor de 600.000 euros, e a entrada como máximo
accionista do Concello no consello de administración do clube de fútbol con dous
representantes.
Neste sentido, destacar que, pese ao
enfrentamento entre PSOE e PP, para as decisións de maior calado (PXOM, compra
de accións do Lugo) Orozco sempre conta coa complicidade do PP. Un PP dos
recortes, da financiación ilegal, do carreto de votos, do PXOM á carta,
implicado nas operacións Muralla, Carioca, Campión, Pokémon ou de retirada das
multas de tráfico, que está absolutamente deslexitimado para a crítica e,
especialmente, para falar de alternativas.
Outros problemas de gran trascendencia
seguen sen resolverse: nin o prometido Regulamento de Participación Cidadá nin,
por descontado, Orzamentos Participativos; o casco histórico segue "en
coma" agardando polo novo PEPRI; o goberno carece dun plan para o barrio da
Ponte logo da polémica pola peonalización da ponte vella (que EU apoiou);
destínanse cantidades desorbitadas e descontroladas de cartos á festa de Arde
Lucus cando, pola contra, a deixadez nas Festas do San Froilán provocou unha
inxustificable contratación externa para xestionalas.
En resumidas contas, un ano de parálise
institucional no que EU presentou numerosas iniciativas. Hai que destacar, entre
outras, o Plan Integral de Recuperación do barrio de A Ponte, as propostas para
o vello cuartel de San Fernando ou a iniciativa para que o Concello asuma a obra
social de Caixa Galicia na nosa cidade. Hai Alternativa.
No hay comentarios:
Publicar un comentario