Sinto recorrer a un xogo de palabras demasiado fácil pero, certamente, o conflito de Urbaser xa cheira. Despois de dezasete días de folga, do malestar cidadán por unha cidade inundada de lixo, da negativa da empresa a negociar, de resolucións xudiciais, de pasividade do alcalde, e mesmo do atropelo dunha delegada sindical, o que peor ule con diferenza é a propia empresa ACS (Actividades de Construción e Servizos) e a actitude do goberno municipal.
Efectivamente, a empresa Urbaser, filial de ACS, pasou da negativa a negociar á táctica do abuso, o atropelo e o despotismo co despedimento de 11 traballadores e a apertura de expedientes sancionadores a outros 66, feito coñecido en plena xuntanza co comité.
Pero, quen é ACS? Trátase dunha das grandes construtoras, responsables directas da burbulla especulativa que conduciu á actual crise económica. Xunto a outras construtoras como OHL, FCC, Sacyr ou Ferrovial, repártese o pastel dos servizos de recollida de limpezas en todo o estado. Ademais, pertence ao IBEX 35, o goberno na sombra que marca a política económica ao bipartidismo, impulsando as contrarreformas laborais ou os recortes aos traballadores, ademais de repartirse o substancioso negocio dos servizos públicos privatizados. ACS é, por exemplo, unha das empresas que aspira a competir con Renfe en transporte de viaxeiros en tren.
Malia a crenza popular, o presidente de ACS, Florentino Pérez, nunca foi máximo accionista da empresa, situación que alcanzou esta mesma semana. Ata hai só uns días, figuraban como accionistas maioritarios os descendentes de Juan March, coñecido no seu día como "o pirata do Mediterráneo" e principal costeador do golpe militar de 1936 e do bando fascista na guerra civil (calcúlase que lle dedicou mil millóns de pesetas, das da época). A familia March prepara a súa saída da construtora ACS, despois de sopesar arrebatar a presidencia a Florentino Pérez. O resto de socios do presidente queren cesalo pola súa nefasta xestión (malia un beneficio neto de 702 millóns en 2013, ACS ten unha débeda real próxima aos 10.000 millóns de euros), para o cal impuxeron un novo conselleiro delegado.
Por descontado, o presidente de ACS ten menos escrúpulos coas reivindicacións salariais dos futbolistas do Real Madrid que coas dos traballadores lucenses de Urbaser. O seu dianteiro estrela gaña 35,3 millóns de euros brutos, dos cales se leva 17 netos. O segundo mellor pagado gaña 22,8 millóns brutos e 11 netos por tempada. A plantilla completa lévase 200 millóns de euros brutos anualmente.
En Lugo, a empresa concesionaria de recollida lixos cobra puntualmente o incremento correspondente ao IPC anual, pero nega o devandito incremento salarial aos traballadores de Urbaser na nosa cidade. Que reacción tería a empresa se o Concello se negase a actualizar o canon cada ano?. A crise non pode ser a desculpa. Nunha escena da película Novecento, de Bernardo Bertolucci, o patrón diríxese aos braceiros para comunicarlles que tras a perda de parte da colleita polo temporal deberán cobrar a metade. Un dos traballadores espétalle unha verdade tallante: "Cando a colleita é dobre, non nos dá paga dobre".
En realidade, ACS non quere ceder ante os traballadores de Urbaser en Lugo porque teme claramente que o éxito das súas reivindicacións se estenda ao resto dos traballadores da empresa.
Por iso era urxente, necesaria e inaprazable a intervención do alcalde no conflito. Non obstante, o alcalde de Lugo, López Orozco, actuou coma se dun socio de ACS se tratase. Despois de usar durante varios días a táctica da avestruz, recorreu ao mesmo método que Ana Botella na folga do lixo de Madrid: traer traballadores foráneos, neste caso de Tragsa, para rebentar o dereito dos traballadores á folga; o vello recurso dos patróns do século XIX. Hai xa dez días que ameazou a empresa con romper o contrato con Urbaser se a dirección e o equipo non chegaban a un acordo sobre o novo convenio colectivo. Agora, con 11 traballadores despedidos e 66 expedientados non existen máis desculpas: o Concello debe actuar e recuperar un servizo público que nunca debeu ser privatizado. Rescisión de contrato, en termos futbolísticos, para facelo máis comprensible a don Florentino. Segundo as investigacións do xulgado n.º 1 de Lugo, Orozco dábase máis présa cando presuntamente enchufaba persoas na concesionaria de lixos que para defender os intereses do Concello, os traballadores e o resto da cidadanía.
Polos motivos expostos e por moitos outros, coa vitoria dos traballadores de Urbaser en Lugo, gañamos todos.
Carlos Portomeñe, de Esquerda Unida

 
 
 
No hay comentarios:
Publicar un comentario