Os veciños trasladaron aos membros de AGE a súa fonda preocupación polo incremento de manobras militares neste campamento militar cuxo convenio de cesión recolle únicamente o seu uso como centro de reclutas
O grupo parlamentar de Alternativa
Galega de Esquerda (AGE) denuncia o actual proceso de remilitarización
da Terra Cha como
zona estratéxica da cornixa Atlántica para un Ministerio de Defensa ao
servizo da OTAN, como o demostra ter sido a zona elixida para o
establecemento do CIAR (Centro de Investigación Aerotransportada de
Rozas) en Castro de Rei. Tanto nun caso como no outro,
o escurantismo, a falla de información e o engano conforman a versión
oficial dos feitos.
O
deputado de AGE, Ramón Vázquez, visitou este venres o campamento militar de
Parga no Concello de Guitiriz
onde puido comprobar persoalmente a barbaridade instalada, por sorpresa e
sen previo aviso, dun perímetro de arame con concertinas delimitando o
campamento, unha barreira de 5.120 metros de afiadas coitelas de
campaña, que xa teñen provocado a indignación e
vergoña nas fronteiras de Melilla.Os veciños e veciñas trasladaron ao
deputado de AGE a súa preocupación e denunciaron a intensa actividade de
vehículos militares de transporte, maquinaria pesada e unha
intensificación das prácticas de tiro con morteiros e
artillería. Este tipo de actividades non concorda co contemplado no
convenio de cesión feito no seu día no que se contempla como un centro
de recrutas e non de manobras militares.
Antes
estes feitos o grupo parlamentar de AGE rexistrou diversas iniciativas
no Parlamento de Galicia
solicitando toda a información relativa ao proceso de remilitarización
das instalacións militares da Terra Cha na provincia de Lugo que semella
se está a producir. O deputado de AGE pola provincia de Lugo, Ramón
Vázquez, sinalou que o incremento da actividade
militar e tecnolóxica por parte do Ministerio de Defensa, está a
provocar unha fonda preocupación na cidadanía galega. Ás xa denunciadas
intencións de situar unha base de drones no concello de Castro de Rei,
engádese agora a revitalización deste antigo campamento
militar a poucos quilómetros de distancia, en Parga, no concello de
Guitiriz, ambos na Terra Cha.
A
estas manobras militares súmase ademais a instalación deste perímetro
de concertinas nos terreos de propiedade do exercito que cabe lembrar
foi consecuencia dunha cesión forzosa por parte da comunidade de montes
no ano 1944, en plena ditadura franquista. Trátase de máis 100 hectáreas
que chegaron a acoller 4.500 efectivos na
década dos 60 e foi en descenso progresivo ata chegar case ao abandono. O
establecemento deste novo cerramento ademais de provocar unha evidente
agresión na contorna dos montes veciñais, implica un risco evidentes
tanto para a veciñanza como para os animais
tal e como denunciaron os veciños e veciñas da zona e que comparte o
grupo de AGE.
O
incremento da actividade militar no número e na intensidade das
manobras e practicas de tiro con morteiros e artillería en zonas
próximas ás vivendas da veciñanza das parroquias de Santa Cruz, Roca ou
Soexo, supón igualmente un risco engadido que teñen que soportar os
veciños e veciñas. Engádese o cambio de usos previsto
polo Ministerio de Defensa para converter o aeródromo de Rozas nunha
base de Drones dependente de Defensa, unha operación na que o Goberno
Galego vai a colaborar aportando 10 millóns de euros de diñeiro público.
O
grupo de Alternativa Galega de Esquerda ten denunciado xa de xeito
reiterado ás intencións dos Gobernos do Estado e do Goberno Galego por
remilitarizar a Terra Cha. De feito, o aeródromo de Rozas atopase a
pouco máis de 20 quilómetros en liña recta do campamento militar de
Parga e foi inaugurado no mesmo ano de 1944. Curiosamente
ámbalas dúas instalación foron creadas a mesma data e reciben un novo
impulso o mesmo ano 2014, 70 anos despois.
Alternativa
Galega de Esquerda manifestou o seu rexeitamento e denuncia
ao actual proceso de remilitarización da Terra Cha e reclama ao goberno
galego que deixe de mentir e ocultar información e informe á cidadanía
do que está a acontecer na contorna das súas vivendas, algo que “básico
nunha sociedade que se da en chamar democrática”
sentenciou Ramón Vázquez.


No hay comentarios:
Publicar un comentario