miércoles, 21 de enero de 2015

AGE TRABALLARÁ POR SACAR A GALICIA DA SITUACIÓN LÍMITE DE DEVASTACIÓN NA QUE O GOBERNO GALEGO DO PP TEN SUMIDO A NOSA EDUCACIÓN E A NOSA CULTURA

  • Os deputados Xabier Ron e Ramón Vázquez presentaron as liñas de traballo do grupo de AGE para este ano no eido educativo e cultural.
  • Os deputados de AGE aseguran que Jesús Vázquez é o “peor conselleiro de Educación na historia da democracia no noso país” e lamentaron que estea máis interesado pola súa carreira municipal que pola educación e a cultura de Galicia.


Santiago de Compostela, 21 de xaneiro de 2015.- O grupo parlamentar de Alternativa Galega de Esquerda (AGE), traballará para sacar ao noso país da situación límite e de total devastación na que o Goberno galego de Alberto Núñez Feijóo ten sumidas áreas fundamentais como son a Educación e a Cultura. Os deputados Xabier Ron e Ramón Vázquez presentaron esta mañá en rolda de prensa as liñas de traballo do grupo parlamentar de AGE para este ano e que supoñen avanzar la liña oposta á que nos leva o Partido Popular cunha aposta por colaboracións público-privadas nas que os beneficios van para as empresas a través de cartos públicos, mentres que as perdas e prexuízos van para á cidadanía.

O deputado Ramón Vázquez centrou a súa intervención no eido educativo denunciando en primeiro lugar a estratexia de engano do Goberno galego que está a insistir nun relato da recuperación con obxectivos claramente electorais para os que impulsa pequenos incrementos de orzamento e programas totalmente baleiros que non solucionarán a catastrófica situación na que nos teñen sumido. Os datos son claros ao respecto con máis de 70 centros educativos públicos pechados, 203 aulas menos, e máis cerca de 1.400 profesores e profesoras menos desde o 2009, segundo os datos publicados polo Instituto Galego de Estatística (IGE). E isto nun momento no que aumentou en 20.000 o número de alumnos e alumnas en Galicia. Estes datos unidos aos recentemente coñecidos e que destacan a perda de 27.000 mozos e mozas menores de 35 anos emigrados, “deixan unha crónica de futuro tremendamente incerta e complicada” como salientou o deputado Ramón Vázquez.

Co obxectivo de loitar contra o escenario de destrución do Partido Popular, o grupo parlamentar de AGE traballará por sacar adiante un programa de construción no que destaca a presentación dunha Proposición non de Lei específica para o ensino rural, o mais castigado polas políticas de recortes da Xunta de Galicia. Ramón Vázquez destacou que a actuación urxente no ensino rural galego é o “paso fundamental para garantir a supervivencia do noso campo e do noso país”. Outra das actuacións de AGE para este ano será a realización dun estudo sobre a situación actual dos centros educativos públicos galegos, abandonados polo PP e que os está sumir no colapso e nun deterioro inaceptable. No eido educativo, o grupo parlamentar prestará especial esforzo á atención á diversidade esixindo que “o Goberno galego deixe de atacar aos que máis necesidades teñen”.

AGE presentará diversas iniciativas encamiñadas a potenciar a investigación nas Universidades galegas e garantir a creación de grupos de investigación baseados no interese xeral e non criterios de mercado para poñer en mans de empresas privadas os seus traballos. Co impulso á creación destes grupos lograríase ademais frear a importante e grave fuga de cerebros que esta a dar na actualidade ante a falla de futuro na que os mozos e mozas atópanse no noso país. Alternativa Galega de Esquerda presentará así mesmo este ano un programa de retorno para os xoves emigrados para loitar contra o drama da emigración xuvenil que o ano pasado provocou que 27.000 menores de 35 anos marcharan do noso país pola falla de expectativas.

O deputado Xabier Ron pola súa banda alertou do “delirio absoluto”no que parece atoparse a Xunta de Galicia no tocante a políticas de protección e impulso da Cultura do noso país “cuns orzamentos secuestrados por fórmulas de colaboración público-privadas que o único que están a conseguir é que os beneficios vaian para as empresas mentres que as perdas queden para a cidadanía como esta a acontecer por exemplo en Campo Lameiro”. O recorte do 60 por cento nos orzamentos da Xunta de Galicia en Cultura desde 2009, dan unha idea do interese, preocupación e compromiso do Partido Popular co noso patrimonio e a nosa historial. “O noso patrimonio está a esmorecer baixo o abandono do PP que mantén a estratexia de degradar, silenciar e ocultar para que sexa máis fácil despois xustificar unha actuación e arrasar con todo” denunciou o deputado Xabier Ron. Esta estratexia é a que está a seguir por exemplo o Goberno galego cos restos do Castelo de Rande afectados pola ampliación da AP-9 e que grazas a un Goberno “ineficaz, incompetente e inoperante” atópanse no abandono máis absoluto e terminarán por facer desaparecer calquera pegada da nosa historia nesta zona.

O grupo parlamentar de AGE defendeu a necesidade de apostar pola xestión pública dos parques arqueolóxicos, con persoal público que garanta a súa conservación e a defensa do noso patrimonio. O grupo esixirá así mesmo, “que se faga público o catálogo de Patrimonio de Galicia que o PP ten agochado de xeito consciente nun caixón da Xunta de Galicia”.

A eliminación do canon nas bibliotecas escolares ou a creación do bono cultura son dúas das cuestións nas que o grupo parlamentar de AGE traballará este ano impulsando novas iniciativas no Parlamento de Galicia para continuar o traballo xa realizado ata o momento e rexeitado polo grupo maioritario do Partido Popular.

Por último, Alternativa Galega de Esquerda impulsará a creación dunha Comisión de Estudo da actual situación da lingua galega para deixar a un lado as lecturas partidistas dos datos e coñecer de primeira man e de todos aqueles axentes culturais e sociais implicados no tema, cal é a realidade da lingua galega e entre todos, traballar en prol da súa defensa e impulso en todos os ámbitos da vida no noso país.


No hay comentarios:

Publicar un comentario