martes, 13 de enero de 2015

ESQUERDA UNIDA DEFENDE A CONSTITUCIÓN DUNHA FRONTE CIDADÁ AMPLA PARTINDO DUNS PRINCIPIOS PROGRAMÁTICOS BÁSICOS.

EU-LUGO PRESENTOU HOXE 12 MEDIDAS URXENTES PARA TRANSFORMAR O CONCELLO.

Os representantes de Esquerda Unida Lugo Ramón Vázquez e Carlos Portomeñe ofreceron hoxe unha rolda de prensa para informar sobre o posicionamento de EU de cara ás vindeiras eleccións municipais, analizando a coxuntura política na cidade, a converxencia política, o proceso interno de primarias abertas e o programa electoral, entre outros.



O coordinador comarcal Ramón Vázquez, sinalou que as vindeiras eleccións municipais non son unha convocatoria mais, senón que constitúen unha oportunidade histórica para derrubar o réxime corrupto sostido polo bipartidismo. “Un réxime corrupto que na nosa cidade ten unha clara manifestación no Goberno Local, caracterizado pola especulación urbanística, a privatización dos servizos públicos municipais e a entrega de subvencións e axudas públicas a empresas, colectivos e persoas afíns”. Ramón Vázquez afirmou que a “corporación municipal leva 15 anos facendo política para ás empresas afíns e non para a maioría social do Concello”

O coordinador comarcal afirmou que “ningunha organización pode pretender por si soa transformar radicalmente a nosa cidade, polo que cómpre aglutinar todas as forzas dispoñibles e dispostas a rachar democraticamente cun sistema que está a arrasar cos dereitos básicos da cidadanía” e recordou que “o nacemento de Alternativa Galega de Esquerda é un precedente claro da necesidade de sumar forzas para acabar coas políticas antisociais que sofre a maioría social do noso pais”.

Diante desta situación Ramón Vázquez considerou que “a unidade, a xenerosidade e a responsabilidade, deben ser os cimentos dos procesos de construción das plataformas cívicas e das dinámicas de converxencia, pero é necesario partir duns principios programáticos básicos que doten de contido político ás diferentes propostas. Non se pode falar dende o baleiro ideolóxico ou con fins puramente electoralistas. A cidadanía estase a xogar o seu futuro dende o concreto” engadiu.

Pola súa banda o responsable de política local de EU-Lugo, Carlos Portomeñe, lembrou que “Esquerda Unida naceu no seu día como un movemento político social de unidade na loita contra a entrada na OTAN e esa vocación de unidade na loita da esquerda é o noso principal sinal de identidade”. Portomeñe engadiu que a “unidade non pode darse a costa de renunciar a un programa claro de esquerdas que poña por diante das siglas, as necesidades da maioría social”. O responsable de política local recordou que “Esquerda Unida leva anos denunciando a corrupción en Lugo, reclamando a remunicipalización de servizos, facendo propostas dende fora da institución municipal, e ese é o noso aval coa cidadanía”

Carlos Portomeñe afirmou ademais que “para transformar o Concello de Lugo non abonda con cambiar ao Goberno, nin tampouco con sacar a Orozco das institucións, senón que require da implicación, o compromiso e a participación de toda a cidadanía critica do noso concello nun novo proxecto de cidade radicalmente distinto”. Por iso o responsable de política local aclarou que “Esquerda Unida non se vai a sentar nunha mesa camilla para facer sopas de letras. É necesario facer política con maiúsculas partindo de contidos e desexos comúns que nos vinculen como cidadáns” e fixo referencia a famosa frase de Anguita de “programa, programa, programa”.

Finalmente Portomeñe pasou a explicar as 12 medidas urxentes para transformar o Concello de Lugo, deixando claro que se trata dunha proposta de mínimos programáticos para a confluencia, aberta a debate e achegas, que pasarán a formar parte do programa aberto municipal ampliado que Esquerda Unida está en proceso de elaboración en contacto co tecido asociativo da cidade, coas organizacións sindicais e veciñais e cos movementos sociais.

Os representantes de Esquerda Unida concluíron anunciando o inicio do proceso de primarias abertas no que militantes e simpatizantes poden participar para elixir ou ser elixidos como candidato ás vindeiras eleccións municipais, dentro dos procesos de converxencia por concretarse na nosa cidade.

A recollida de avais dos candidatos comeza o 21 de xaneiro e remata o 30 de xaneiro, a campaña de primarias irá dende o 31 de xaneiro ata o 14 de febreiro e a votación será os días 14 e 15 de febreiro.

12 MEDIDAS URXENTES PARA LUGO
1.Auditoría cidadá das contas do municipio
2.Remunicipalización dos servizos privatizados.
3. Novo regulamento de participación cidadá baseado na radicalidade democrática.
4.Orzamentos pariticipativos na xestación, xestión e no control.
5. Tolerancia cero cos corruptos e os corruptores. Entre outras, un salario do alcalde e dos concelleiros nunca superior a tres veces o SMI
6. Plan especial e urxente para combater a pobreza e a exclusión social infantil.
7. Fiscalidade progresiva e xusta para aumentar os recursos municipais, garantir os servizos públicos e permitir que os que paguen mais os que mais teñen.
8. Servizos Sociais Públicos, universais e descentralizados.
9. Derrubo dos edificios ilegais do Parque Rosalía de Castro na zona coñecida como o Garañón.
10. Comisión de investigación municipal aberta á cidadanía sobre o PXOM e anulación como mínimo, da porcentaxe ilegal pendente de aprobación.
11. Novo PEPRI (Plan de Especial Protección, Rehabilitación e Reforma Interior do Recinto Amurallado de Lugo e a súa zona de influencia).
12. Obxectivo de “ EMPREGO PRECARIO 0 NO PÚBLICO”

No hay comentarios:

Publicar un comentario