martes, 10 de febrero de 2015

CD Lugo


EU VE INDICIOS DE PREVARICACIÓN NO PROCESO DE VENTA DE ACCIÓNS DO CD LUGO POR PARTE DA DEPUTACIÓN E O CONCELLO
Portomeñe esixe explicacións a Besteiro e Orozco sobre un suposto proxecto de cidade deportiva

 
EU considera que, tanto no proceso de compra de accións do CD Lugo por parte de Deputación e Concello como no proceso de venta, existen indicios suficientes como para falar dun presunto caso de prevaricación. "Todo o proceso está plagado de mentiras, irregularidades e chanchullos por parte do PSOE e do PP", sinalou Carlos Portomeñe, "desde o momento no que decidiron mercar as accións ata o momento da súa venda".

O CD Lugo viuse obrigado a suscribir un capital social de 3.031.490€ para converterse en S.A.D. en xuño de 2013 e así cumprir coa Lei do Deporte. Durante o proceso inicial de venta de accións, tanto a directiva do clube como a Deputación e o Concello manifestaron a súa pretendida aposta por favorecer aos pequenos accionistas e evitar que o clube pertencese a un único accionista maioritario. De feito, nos estatutos da sociedade enviados á CNMV reservouse o dereito a veto contra calqueira inversor que pretendese controlar a entidade. Ese foi o principal argumento esgrimido polo PSOE e o PP para xustificar a compra de accións pola Deputación e o Concello, das que adquiriron 900.000 € e 600.000 €, respectivamente. As dúas institucións financiaban novamente unha entidade deportiva privada con diñeiro público e entraban no seu consello de administración, a pesares de coincidir no tempo coa crise do CB Breogán e a polémica pola participación da Deputación como accionista maioritaria do clube de baloncesto.

O alcalde López Orozco e o clube afirmaron tamén que se crearía unha fundación como fórmula para devolver o diñeiro aportado polas institucións na compra de accións. Ademais, o convenio entre o Concello e a entidade aprobado en pleno aseguraba que os 600.000 € serían devoltos antes do 31 de decembro de 2013. Ningunha das opcións se materializou.

Un ano despois do acordo plenario, e coa presa das eleccións municipais de maio, Deputación e Concello decidiron desfacerse das 150.000 accións da súa propiedade nun suposto concurso previamente negociado. A venta realizouse a un so accionista que se converte en dono do clube ó xuntar o 58% das accións da entidade, despois dun proceso pragado de irregularidades e opacidade que incluíu o cambio de normas sobre a marcha, logo de ter declarado deserto o concurso por diferencias na forma de pago co empresario co que se pactara anteriormente a adxudicación. Resultado: en xuño de 2013 o clube pertencía á súa masa social; en febreiro de 2015 pertence a un empresario.

Portomeñe afirma que "primeiro debeu garantirse a participación dos socios/as na compra de accións que pertencían ás institucións públicas, porque en realidade eran propiedade de todos/as os/as lucenses". Para Portomeñe, a venta das accións encubre tres grandes mentiras á cidadanía: en primeiro lugar, " PSOE e PP aprobaron na Deputación e o Concello a adquisición das accións sabendo que o clube non devolvería os cartos no prazo estipulado". En segundo lugar, "non querían evitar a pertenencia do clube a un único propietario, porque estiveron negociando nesa liña e evitaron darlle opcións aos accionistas minoritarios". E por último, "non se van recuperar os cartos a curto prazo, porque se aceptou unha modalidade de pago fraccionado feita á medida dos empresarios que optaban á compra". 

Pero ademais, a compra vai acompañada dun suposto proxecto de cidade deportiva con sete campos de fútbol, unha zona de ocio e dúas piscinas. EU esixe que Besteiro e Orozco expliquen de inmediato en que consiste este proxecto, se contemplan a cesión de solo público e se pretenden financialo con diñeiro de todos/as os/as lucenses. Para Portomeñe, "estamos diante do típico proxecto especulativo anterior ó estoupido da burbuxa inmobiliariade, con Besteiro e Orozco ("os señores do ladrillo") de protagonistas, mais agora en plena crise económica e a tres meses das eleccións municipais".

No hay comentarios:

Publicar un comentario