martes, 24 de febrero de 2015

Xulgado de Instrución nº1



EU DENUNCIA O ESTRANGULAMENTO POLÍTICO DO XULGADO DE INSTRUCIÓN Nº1 DE LUGO
Impulsou unha iniciativa no Parlamento de Galicia para garantir os medios necesarios para o seu funcionamento




A corrupción é un tema de especial sensibilidade social na cidade de Lugo. En 2011 máis de mil lucenses saíron á rúa co lema "Contra a corrupción, en defensa da Xustiza", convocados pola Plataforma contra a Corrupción da que forma parte EU Lugo. E se os xulgados lucenses teñen amosado a súa acción decidida para erradicar as prácticas corruptas na nosa cidade, o xulgado de instrución nº1 acadou especial sona en Galicia por levar causas de relevancia social con implicación delictiva de numerosos empresarios, cargos políticos e altos funcionarios, especialmente nas coñecidas operacións Pokémon e Carioca.

Nos últimos meses, o xulgado de instrución número 1 perdeu, sucesivamente, o Xuíz de reforzo que tiña adscrito, a secretaria titular e máis recentemente dúas funcionarias dependentes da Xunta de Galicia.

Para EU resulta unha evidencia que axilizar as causas xudiciais e combater a corrupción investigada polos xulgados lucenses require contar con máis medios. Por contra, segundo denuncia o responsable de política local de EU, Carlos Portomeñe, o PP a través da Xunta de Galicia "somete ao Xulgado nº1 a un estrangulamento premeditado e alevoso para matar por asfixia as operacións en marcha", sempre "cunha finalidade estrictamente política".

Unha obstrución da que sae beneficiado o propio bipartidismo, sinala Portomeñe, "cuxo obxectivo é unha lei de punto final non escrita". Nas causas abertas no Xulgado nº1 existen decenas de imputados por corrupción pertencentes ó PP e ó PSOE. No caso da operación Pokémon, ós alcaldes e concelleiros populares imputados en varios concellos galegos hai que sumar en Lugo a imputación do actual alcalde da cidade, López Orozco, e da súa man dereita no Concello desde 1999, Fernández Liñares. Pero o xulgado nº1 tamén desenvolve a chamada operación Galeón, na que se investiga a Gómez Besteiro, Presidente da Deputación de Lugo, como responsable da urbanización en O Garañón (no Parque Rosalía de Castro), e na que están imputados altos funcionarios do Concello de Lugo.

EU destaca que o PP presenta plans contra a corrupción de xeito propagandístico, mentras pola vía dos feitos obstrúe o labor da xustiza recortando os recursos humanos e materiais.

Neste sentido, o deputado de Alternativa Galega de Esquerda (AGE) e coordinador comarcal de EU Lugo, Ramón Vázquez, anunciou a presentación dunha iniciativa rexistrada hoxe no Parlamento de Galicia para evitar o desmantelamento do xulgado de instrución 1 de Lugo. A devandita iniciativa, presentada pola portavoz parlamentaria e cordinadora nacional de EU, Yolanda Díaz, e Ramón Vázquez, insta ó Goberno Galego a:

1.- Dirixirse ao Consello Xeral do Poder Xudicial a fin de nomear novamente un xuíz de reforzo para o xulgado nº1 de Lugo.

2.- Que cando esto suceda se complemente cun cadro de persoal equivalente a un xulgado de número, é dicir, tres xestores, tres tramitadores e un auxilio xudicial.

3.- Que en tanto non suceda, se repoña de inmediato a situación anterior, dirixíndose á Comisión Mixta e á Dirección Xeral a fin de que revogue a resolución de cese.

No hay comentarios:

Publicar un comentario