viernes, 17 de abril de 2015

AGE EXÍSELLE AO GOBERNO GALEGO QUE INTERVEÑA NO CONFLITO ENTRE A EMPRESA MOVISTAR TELÉFÓNICA E AS EMPRESAS SUBCONTRATADAS

Os deputados de AGE, Ramón Vázquez e Juan Manuel Fajardo, reuníronse cos delegados das distintas empresas subcontratadas en Lugo para coñecer de primeira man a súa situación

Lugo, 16 de abril de 2015.- Alternativa Galega de Esquerda (AGE) insta á Xunta de Galicia a mediar diante da empresa Movistar Telefónica e as contratas e subcontratas para chegar a un acordo que garanta unhas condicións de traballo dignas incluíndo a eliminación dos convenios bucle, a redución drástica das subcontratacións, a eliminación da figura obrigada polas condicións de subcontratación dos falsos autónomos, aplicación dos convenios provinciais do metal entre outras cuestións. Así mesmo o grupo de AGE solicita a apertura dunha mesa sectorial de negociación para regulamentar o sector.



Os deputados de AGE, Ramón Vázquez, e Juan Manuel Fajardo, mantiveron esta tarde un encontro cos delegados das empresas destas subcontratas en Lugo para coñecer de primeira man a súa situación.

Alternativa Galega da Esquerda apoia as mobilizacións, folga indefinida nestes días, dos traballadores das contratas de Telefónica que están a padecer un progresivo deterioro das súas condicións laborais nun marco de crecente precarización e devaluación salarial. Este conflito non se limita a Galicia, abrangue ao Estado, a varios milleiros de traballadores. No noso país están afectados ao redor dun milleiro de traballadores.

Por toda a xeografía galega, de Lugo a Pontevedra, pasando pola Coruña, atopamos as condicións de precariedade extrema que sofren os técnicos que instalan telefonía, ADSL e fibra óptica, e reparacións sometidos a xornadas de traballo extenuantes, de ate 12 horas de traballo, obrigados a adoptar a figura de autónomo (nun obrigado exercicio de fraude de lei) e que con moitas dificultades superan os 700 euros, apenas o salario mínimo interprofesional. Todo elo tendo que custearse o transporte e os gastos anexos a este. Atopámonos diante dos convenios bucle, nos que a matriz Telefónica Movistar vai recortando cada tres anos as condicións nas que subcontrata estas tarefas de instalación e reparación afundindo as condicións laborais do persoal. A situación actual semella unha pirámide onde se van a degradando as condicións laborais, empresas subcontratadas que remuneran de xeito individual co sistema de puntos baremos ate o último eslavón desta semiescravitude que son os traballadores obrigados a faceren de falsos autónomos.

As demandas son o respecto dos convenios asinados, a limitación da infernal cadea das subcontratacións e o recoñecemento dos dereitos de subrogación do persoal. Demandas que se amparan na legalidade que unha nefasta práctica empresarial adoita vulnerar de cote.

Por todo isto, o grupo de AGE entende que a Xunta de Galicia ten que facer valer o seu peso na defensa de condicións de traballo dignas cumprindo as súas obrigas e defender aos traballadores e traballadoras do noso país.






No hay comentarios:

Publicar un comentario