domingo, 29 de marzo de 2015

O CONSELLO DE CONTAS REMITIRÁ Á FISCALÍA DO TRIBUNAL DE CUENTAS AS IRREGULARIDADES NA CONTABILIDADE DA CÁMARA DE COMERCIO DE LUGO

  • O grupo parlamentar de AGE solicitou o traslado das conclusións do informe do Consello ante as graves irregularidades detectadas e que poden ser constitutivas dun delito contable
  • O presidente do Consello, Xesús Palmou, anunciou en comisión parlamentar que se remitirá o informe á fiscalía
                                      Video da intervención de Ramón Vázquez

Santiago de Compostela, 27 de marzo de 2015.- Alternativa Galega de Esquerda (AGE) solicitará a remisión das conclusións do informe elaborado polo Consello de Contas sobre a fiscalización da Cámara de Comercio de Lugo ante as graves irregularidades detectadas, algo que semella vai ter lugar tal e como anunciou o propio presidente do Consello, Xesús Palmou, en comisión parlamentar. O deputado de AGE, que xa denunciara a situación en rolda de prensa, considerou imprescindible que a fiscalía do Tribunal de Cuentas analice o informe.

Destácanse entre outras moitas irregularidades a actividade contractual na que se atopa o dobre contrato (a tempo parcial e tempo completo) do director xeral polos que percibe importantes remuneracións anuais, como director xeral e como asesor, os cargos por máis de 250.000 euros na tarxeta visa durante cinco anos xustificados como gastos de viaxes, algún deles realizado durante o mes no que permanece pechada por vacacións a Cámara. Outra das irregularidades salientadas no informe fai referencia á non reserva económica dunha partida para facer fronte a continxencias como é obrigación da entidade que no 2010 tería que ter sido de 1.8 millóns de euros e no 2011 de 1.3 millóns de euros. A Cámara unicamente reservou para este concepto 250.000 euros.

O deputado Ramón Vázquez felicitouse polo anuncio realizado polo presidente do Consello de Contas xa que estamos ante uns feitos moi graves que deben ser investigados pola fiscalía do Tribunal de Cuentas. O grupo parlamentar anunciou que seguirá de cerca a remisión desta información e a espera do resultado das investigacións que leve a cabo o fiscal.

O Concello, Deputación e o Pazo de Feiras en Lugo serán fiscalizados

O grupo de AGE incluíu nas súas recomendacións para o traballo do Consello de Contas a fiscalización do Concello de Lugo, a Deputación de Lugo e o Pazo de Feiras e Exposicións, algo que pese ao voto en contra do Partido Popular onte no Parlamento de Galicia, vaise levar a cabo xa que o propio Consello de Contas recollía no seu plan de traballo para o 2015 os apuntamentos realizados por AGE. O deputado Ramón Vázquez destacou a necesidade de investigar en profundidade qué é o que está a suceder por exemplo no Pazo de feira cun “burato” de máis de 500.000 euros que o coloca en situación de quebra económica.








No hay comentarios:

Publicar un comentario