DECADENCIA MORAL
Carlos Portomeñe
"¿Sabes en qué veo que las comiste tres a tres? En que comía yo dos a dos y callabas", contestou o cego ao Lazarillo de Tormes despois de xantar conxuntamente un acio de uvas. O caso da retirada de multas en Lugo ten todos os ingredientes da picaresca, agás que en linguaxe xurídico e cando atinxe a cargos públicos chámase suborno, prevarización e tráfico de influencias.
Vivimos nunha sociedade que día tras día almorza con novos escándalos de corrupción, cun espectáculo de descualificacións e comportamentos indignos que se traduce nunha natural perda de confianza nas institucións. A devandita trama das multas está sacando a flote algo máis que indicios de delito; está poñendo de manifesto a decadencia moral de boa parte da nosa sociedade e do sistema en xeral. Nela están incluídos políticos, cargos públicos, transportistas, axentes da orde e incluso sacerdotes. E o que é peor, o seu descubrimento por azar confirma as sospeitas sobre feitos semellantes noutros ámbitos. Talvez pola existencia de tan variada representación de personaxes influentes, é corrente escoitar estes días pola cidade a modo de xustificación frases como "todo ou mundo fai o mesmo" ou "sempre se fixo". Sen embargo, non existe xustificación cando se trata de cumprir a Lei. Esta non distingue entre esquerda ou dereita, porque o seu acatamento é obrigatorio para toda a sociedade e ninguén está eximido de cumprila nin aínda en caso de descoñecela. Pero se quen incumpre a Lei o fai desde o exercicio dun cargo público, e ademais o fai en nome dos valores tradicionais da esquerda, está traicionando algo máis transcendental cá propia Lei. Quen exerce un cargo público en nome dunha suposta esquerda e actúa en contradición cos valores que di defender, está abrindo camiño ao discurso do "todo vale", equipara polos ideolóxicos e vulnera os máis fundamentais principios morais. Moitos son os que collen o violín coa esquerda e o tocan coa dereita.
Porque o que se pode esperar desde a esquerda, e así o reivindicamos, é que algún día deberemos poñer couto a estas prácticas. Clientelismo, favoritismo e amiguismo son prácticas antagónicas non só da esquerda, senón do que debe ser un sistema democrático. Despois, como nos máis recentes resultados electorais, chegan as lamentacións cando os feitos demostran que a xente prefire o orixinal aos sucedáneos.
Por suposto, o sistema xudicial está actuando correctamente e debe chegar ata o final da investigación, garantindo a súa independencia, aínda a pesar da forte presión política a que estará sendo sometido desde distintas esferas. Con certeza que algúns estarán repetindo os mesmos métodos para retirar as imputacións que utilizaron outros para a retirada das multas. É tan culpable o que retira as multas, cobrando ou por favoritismo, coma quen comete unha infracción (en ocasións unha falta grave por alcoholemia) e negocia a súa retirada. Trasládase á sociedade a sensación de que non existe delito se quen o comete ten influencias. Segundo este argumento falaz só sería culpable dun delito o que carecese de recomendación para non ser sancionado.
É necesaria unha rexeneración democrática da nosa sociedade. O feito de que as malas prácticas se produzan en ámbitos tan variados e de tanta transcendencia, leva á simplificación do "todos son iguais". Nada tan falso. Como sinalaba a pintada do muro nunha novela de George Orwell: "Todos os animais son iguais, pero uns máis iguais ca outros".
Non é de rigor calar, senón denunciar a quen come as uvas dúas a dúas e tres a tres. Pola conta que me ten, desde a esquerda é necesario transmitir credibilidade, eliminar a distancia entre o que se promete e o que se realiza, entre o que se fai e o como se fai, entre os fins e os métodos. Só así se pode recuperar a ilusión.
No hay comentarios:
Publicar un comentario