ESQUERDA UNIDA RECLAMA DO GOBERNO LOCAL FEITOS E NON SÓ XESTOS NA LOITA CONTRA O CAMBIO CLIMÁTICO
Esquerda Unida considera positivo que o Concello de Lugo se  sume á campaña internacional promovida pola Asociación WWF Adena consistente nun  apagón mundial contra o cambio climático. EU-IU súmase a dita campaña  internacional de defensa do medio ambiente, pero de xeito siultáneo reclama do  goberno local que non se quede unicamente nos xestos e aplique medidas reais  contra o cambio climático.
O obxectivo de WWF Adena é concienciar á  cidadanía sobre o cambio climático e esixir aos políticos un maior control das  emisións de CO2. Nese sentido, o goberno municipal é a antítese dun goberno  concienciado coa defensa do medio ambiente, malia organizar ou participar en  campañas simbólicas coas que pretende demostrar o contrario. Abondan algúns  exemplos de actuacións do goberno local:
1. Planificación e  aprobación dun Plan Xeral de Ordenación Municipal (PXOM) que enxendra unha  cidade difusa que require de longos desprazamentos e promociona o transporte  particular fronte ao público; un plan concibido para o municipio lucense  baseándose nunha previsión demográfica irreal e irracional que supón a  destrución innecesaria do territorio, a contorna e os espazos naturais, entre  outros.
2. Proxección dunha nova ponte sobre o Miño  concibida para  o tráfico de 70.000 vehículos diarios (cifras apuntadas pola ministra de  Fomento), cunhas características absolutamente lesivas co contorno natural e  histórico. Unha ponte si, pero non así.
3. Arrinconamento do traballo e  as conclusións da Axenda 21 local, orientados ao desenvolvemento sostible,  desestimando así o traballo elaborado durante anos polo movemento asociativo  lucense.
4. Mantemento da iluminación de Nadal durante dous meses  consecutivos.
Esquerda Unida reitera o seu compromiso firme e  decidido pola conservación do medio ambiente e a loita contra o cambio  climático. Unha cidade e un municipio como Lugo, situados nun contorno natural  privilexiado e cunhas características demográficas, históricas e estruturais  ideais, podería e debería ser unha cidade modélica na súa relación co medio  ambiente, respectuosa co contorno natural e libre dos máis diversos tipos de  contaminación así como, por suposto, exemplar polo seu modelo social. 
Esquerda Unida afirma que para conseguir os devanditos obxectivos é  necesario deseñar unha cidade compacta, respectuosa co seu contorno, abundante  en zonas verdes, na que se promocione decididamente o transporte público  mediante a combinación dunha ampla rede de liñas de autobús urbano e o futuro  tranvía, o impulso do ferrocarril, a aposta decidida polos carrís bici e a  redución drástica de desprazamentos privados. Iso son medidas reais e non só  xestos.
 
 
 
No hay comentarios:
Publicar un comentario