viernes, 3 de abril de 2009


EU-IU DENUNCIA A FALTA DE DIRECTOR NA OFICINA DE EMPREGO LUGO NORTE DESDE HAI CATRO MESES

Desde EU-IU denunciamos que a oficina de emprego Lugo Norte que abrangue aos usuarios dos códigos postais 27003 e 27004 do noso Concello, atópase desde mediados do pasado mes de Decembro co posto vacante de dirección, despois de que o seu titular pasara a situación de xubilación por idade.

Non só non se cubriu a tempo o posto, senón que pasaron catro meses e o proceso semella non ter fin. Non se entende que coñecendo con tanta antelación a data de xubilación do director, non se actuase con responsabilidade por parte do organismo competente para ter este posto cuberto e funcionando.

EU-IU considera de pouca hixiene democrática que os responsables da administración estean tratando de buscar un candidato idóneo pola vía de comisión de servizos (a dedo) ou libre designación (máis dixital aínda), procesos ambos para poñer nos postos a persoas fieis, mais non sempre competentes. Estes métodos só se deberían empregar para casos imprevisibles e con carácter urxente, máxime cando os novos criterios da Administración desaconsellan este sistema exento de valoración obxectiva e incompatible cos principios básicos de acceso á Función Pública: igualdade, mérito e capacidade.

En EU-IU cremos que o Sistema Público de Emprego necesita unha reforma moi profunda (tal e como recollemos nos nosos acordos programáticos), para dar cabida con eficiencia e eficacia a unha clase traballadora cada vez maís heteroxénea, quen ante a inoperancia deste ente público recurre cada vez máis na procura de emprego ás iniciativas privadas, como é o caso das ETT`s. A situación parécenos máis grave se cabe se temos en conta o marco económico-laboral non que nos atopamos, onde a crise e o incremento do número de persoas que se atopan sen emprego aumenta día a día.

Desde EU-IU solicitamos das autoridades competentes que se atalle urxentemente esta situación, cubrindo o posto de dirección desta oficina de emprego de xeito democrático, tal e como aconsellan os criterios da Administración para estes casos.

No hay comentarios:

Publicar un comentario