viernes, 5 de junio de 2009


NESTAS ELECCIÓNS XÓGASTE MOITO

Moita xente pregúntase se estas eleccións serven para algo. O certo é que si, nestas eleccións xógaste moitas cousas. Unha boa parte das decisións que máis te afectan decídense xa en Europa: os teus dereitos laborais; a política social; a política comercial; os límites para a política económica; o marco da política educativa, etc. Como ves, moitas cousas e todas elas de importancia.

Esta idea compartímola todos os partidos, pero non todos expoñemos as mesmas solucións nin propostas.

Ata o de agora, comprobamos o de sempre: a crise séguena sufrindo os e as que viven do seu traballo, dun salario. A maioría da nosa sociedade soporta co paro, co agobio para chegar a fin de mes, coas expectativas frustradas, os erros que cometeron outros. E os e as que padecemos con sufrimento os efectos da crise, comprobamos como se premia con suculentos fondos públicos aos mesmos que a produciron.

Europa atópase, por isto, nunha encrucillada: seguir a mesma estratexia económica e política que nos levou a esta situación ou optar por un troco para un novo modelo de desenvolvemento socialmente xusto e ecoloxicamente sostible. Temos a opción de continuar coas políticas que beneficien aos especuladores financeiros e inmobiliarios ou votar polos dereitos da maioría da sociedade, das persoas asalariadas, autónomas, pequenas empresarias, estudantes e xubiladas, das persoas que viven do seu traballo e do seu esforzo.

Nesta disxuntiva, houbo ata agora poucas diferencias de contido entre o PSOE e o PP. Ambos partidos defenderon e seguen defendendo a Estratexia de Lisboa que se basea na privatización dos recursos públicos e a flexibilidade laboral, e un mesmo candidato para presidir a Unión Europea, o Sr. Durão Barroso. Desde a esquerda alternativa nunca entendemos esta subordinación cómplice dos socialistas europeus cunha política allea ás nosas tradicións e tan lesiva para os intereses da maioría.

Estas eleccións son unha oportunidade para cambiar pola esquerda estas políticas, para reprobar aos culpables, para dicir que non queremos máis do mesmo e para apostar con coraxe por un troco no rumbo. Continuar coa mesma política producirá os mesmos erros: necesitamos unha alternativa ao existente, desde outros postulados, desde outras análises, desde outras propostas.

Queremos, por iso, compartir contigo 10 razóns para pensar, con esperanza, nesa mudanza de políticas e para apostar por Esquerda Unida.

No hay comentarios:

Publicar un comentario