
O CIRCO DA DEMOCRACIA
Memoria do Pleno do Concello  celebrado o pasado luns onde se debatía de urxencia a prohibición da Feira de  Asociacións
   Como ven sendo habitual, o pasado Luns  pola tarde tivemos ocasión de asistir ao Pleno ordinario do noso Concello. Un  pleno con marcado carácter electoralista se temos en conta o carácter xenérico da maioría das propostas e a proximidade dos comicios europeus. Pero tamén con  contidos políticos de calado en temas primordiais para a cidade e o municipio.
   Debatiuse sobre a nova ponte do Miño, da suposta crise do goberno municipal, da defensa do galego ou da prohibición por parte do goberno municipal da Feira de Asociacións por segundo ano consecutivo, entre outros temas.
   A xornada ía deparar moitas sorpresas, especialmente na  parte final do Pleno. O principal número correu a cargo do Sr. Orozco e o  voceiro do Grupo Municipal Popular, García Díez, que tras discutir durante máis  tempo do pactado unha Moción de Urxencia exposta polos populares acerca da  presunta crise pola que atravesa o Goberno Municipal, decidiron darlle á tarde  un toque de tensión e dramatismo protagonizando a foto da xornada.
   O  Alcalde, facendo alarde da súa capacidade interpretativa dos textos decide, a  pesar de que o Secretario do Pleno lle recomendou o contrario, non someter a  votación a moción dos populares. Acto seguido o Grupo Municipal do PP abandona  en pleno a Sala, coas consecuencias que isto traería a posteriori.
    Restaban por discutir dúas mocións de urxencia presentadas por PP e BNG, que  trataban do malestar provocado en 18 Asociacións da nosa cidade ao negarlles por  segundo ano consecutivo o permiso para a realización da Feira de Asociacións.  Como consecuencia directa o BNG votou en solitario e perdeu a votación  deixándolle o terreo libre ao Goberno municipal para que o ano que ven repitan  esta actuación. Sen embargo, concederon a dedo os cartos dunha subvención  asignada a unha organización xa disolta, a outra asociación xurdida recentemente  en Calde .
   Señores do PP, en política hai que ser máis serios. ¿Como  lle explicarán vostedes ás Asociacións que por unha actitude infantil perderon de defender a súa moción e provocaron que o BNG perdese a votación da súa? De paso, explíquenlles que a súa campaña electoral está coordinada desde máis arriba, e que a consigna é crear a maior polémica posible co PSOE para marcar distancias a  seis días das eleccións, proxectando a maior repercusión posible nos medios de comunicación.
   Como colofón final, o goberno municipal respostou  varias preguntas plantexadas polos populares a pesar de que éstes xa abandonaran o Pleno con anterioridade. Chamounos a atención unha apreciación do Concelleiro  de Medio Ambiente acerca dunha cafetería que pretenden crear non Parque Rosalía  e dá énfase que puxo en non enganarse; as súas verbas textuais foron: "¡hai que  facelo ben!". ¿Acaso hai cousas que as fan de calquera maneira?. ¿Ou é que  hai algo no Parque e as súas inmediacións, que sen querer mencionalo lle preocupa  sobre maneira e lle fai andar con pes de chumbo?. Señor Liño, é unha vergoña que  despois da confrontación que manteñen aberta desde hai anos coa Asociación en  defensa do Parque de Rosalía, todo o que lles preocupe sexa a creación e xestión  dunha nova cafetería que privatiza novamente espazos públicos. Como non teñen o  proxecto de cafetería decidido aínda poden actuar como ven sendo habitual en  vostedes: Cárguense a pérgola do parque e poñan no seu lugar a cafetería, de  maneira que mentres degustamos un bo café podamos gozar dunhas marabillosas  vistas aos muros de formigón dos que son responsables os 25 integrantes da  función de circo.
   Hai que asistir aos Plenos para coñecer de perto o  sistema de democracia avanzada que se practica en Lugo. Sirva outro  exemplo:
   Cando un membro do Pleno se ausenta e na súa ausencia se  producen votacións, segundo o alcalde o seu voto debe contabilizarse como unha  abstención. Toda a vida nos ensinaron que para emitir un voto válido é necesario estar presente e logo decantarse a favor, en contra ou absterse;  pero iso debía ser na vella escola. Na cidade da vangarda democrática un pode absterse sen estar presente na votación, como foi o caso do Presidente da  Deputación. Por inxenuidade cecaís,  preguntámonos se terá que ver con iso de  cobrar íntegra a Asistencia a un Pleno que durou catro horas aínda que só se  faga acto de presenza a primeira delas.
   Tamén tivemos a oportunidade  de asistir ao turno de palabra de Dna. Sofía López Liñares, do grupo municipal  popular, que presentou unha moción que perseguía a "Reutilización de obxectos  domésticos en bo estado que se depositan no Punto Limpo". Trátase dunha  proposta que desde Esquerda Unida solicitamos do Concello o día 4 de Maio, un  mes antes do Pleno.
Como non é a primeira vez que nos "fusilan" unha  idea algúns dos extraordinarios grupos presentes na corporación (e tememos que  tampouco será a derradeira), preguntámonos se haberá que propor un copyright de  ideas políticas e crear unha especie de SGAE que se encargue de recadar impostos  a base de sancionar a aqueles políticos que carecen de ideas, cobran pola súa  asistencia aos plenos e sen embargo se atribúen como propias as ideas dos  demais.
Ver para crer.
 
Consello local de Esquerda Unida
 
 
 
No hay comentarios:
Publicar un comentario