martes, 11 de agosto de 2009

IU denuncia o apoio do Goberno Español a que se establezan bases militares de EE.UU. en Colombia.

Francisco Pérez, secretario de Solidariedade Internacional e Dereitos Humanos, critica que o Executivo socialista respalde os plans de goberno “máis represor e de extrema dereita de América Latina, así como o intervencionismo de EE.UU na rexión.

Francisco Pérez Esteban, secretario de Solidariedade Internacional e Dereitos Humanos de Izquierda Unida, criticou hoxe o claro apoio público realizado polo Goberno español, entre outros membros pola vicepresidenta María Teresa Fernández de la Vega, ao establecemento de sete bases militares dos EEUU en Colombia. "Limitarse a dicir que se respecta esa decisión equivale ao seu claro apoio, xa que non se trata dunha decisión de soberanía de Colombia senón pola contra, dunha intromisión de EE.UU nos seus asuntos internos. Esta é unha decisión que vai contra a soberanía do pobo de Colombia, a favor da dominación de EE.UU nese país e do aumento da súa influencia militar nunha zona moi delicada, coa escusa da loita contra o terrorismo e o narcotráfico", asegura Pérez.

O dirixente de IU sinala que "España renuncia a encabezar o contrapeso ás políticas militaristas de EEUU. Isto é especialmente significativo xusto cando está a piques de asumir a presidencia da UE e vanse a iniciar os actos do bicentenario da Independencia nos países irmáns de América Latina".

Para Pérez Esteban, a decisión é "lamentable pero coherente coa política seguida até agora polo Goberno español. Resultaba xa vergoñoso o apoio de España a un executivo como o de Uribe, que non só é de extrema dereita, senón que é responsable de violacións gravísimas aos dereitos humanos do seu propio pobo, ademais de estar vinculado a graves crimes contra a humanidade cometidos polo paramilitarismo, até o punto de ter a máis de 60 deputados e senadores procesados, imputados ou encarcerados por estes vínculos pola Corte Suprema de Xustiza".

"Aínda por riba -afirma o responsable de Solidariedade de EU- a continua venda de armas a un Goberno que viola sistematicamente os dereitos humanos e ameaza aos seus veciños Ecuador e Venezuela, a asesoría militar e en intelixencia, e a asesoría para a aprobación unha lei de impunidade para os paramilitares, agora o Goberno español sobe un chanzo máis no seu compromiso con Uribe e o Plan Colombia, apoiando o establecemento destas sete bases militares. Iso supón un aliñamento contra os países de UNASUR e un posicionamento de apoio ao imperialismo norteamericano en América Latina".

"Existe un serio perigo obxectivo de desestabilización dunha rexión que estaba a buscar nos últimos tempos lograr unha verdadeira independencia e construír en paz e solidariedade unha integración rexional política e económica propia", sinala.

O responsable de Dereitos Humanos e Solidariedade Internacional afirma que "para IU esta posición do Goberno español significa que cando se dean inicio as celebracións do bicentenario das Independencias latinoamericanas España situarase na peor das posicións, aliñándose contra a posición absolutamente maioritaria dos países de UNASUR e a favor dun maior intervencionismo político e militar dos EEUU en Colombia e a rexión".

"América Latina -engade Pérez Esteban- era desde o final da Guerra Fría un territorio de paz, sen apenas conflitos entre os seus países. Estas bases militares convértense nunha ameaza obxectiva para esa paz e esa integración latinoamericana, e unha ameaza evidente que pode acabar nun conflito fronteirizo con Ecuador ou Venezuela e terminar co difícil equilibrio rexional actual".

© 2009. Izquierda Unida Federal. http://www.izquierda-unida.es/

No hay comentarios:

Publicar un comentario