viernes, 14 de agosto de 2009

Un grupo de militares da OTAN protagonizan un incidente nas praias de Vigo

Unha das zodiac adéntrase entre os bañistas onte pola tarde en Samil.

Os veciños e turistas que acoden a diario á praia de Samil, en Vigo, viron onte como a tranquilidade da mañá se trastornaba cando un grupo de militares pertencentes a unha frota da OTAN atracada na cidade invadiu a zona de baño montados en zodiacs a gran velocidade, pondo en risco aos bañistas.

Segundo informa o diario Faro de Vigo, foron os propios cidadáns quen chamaron á Policía Local tras observar como os militares navegaban con catro zodiacs e unha moto acuática entre as persoas que se atopaban na auga.

A pesar dos avisos da Policía, continuaron co seu comportamento temerario durante horas, polo que as autoridades acabaron chamando a unha patrulleira da Garda Civil do Mar, que os conduciu até o peirao e tomou declaración a todos os militares implicados.

Segundo o diario vigués, varias testemuñas aseguran que os tripulantes das embarcacións mostraban signos de embriaguez.

Explicacións no Congreso

EU de Vigo anunciou que o seu grupo preguntará no Congreso á ministra de Defensa, Carme Chacón, sobre o incidente rexistrado na praia de Samil.

En nota de prensa, EU de Vigo critica a "presenza intimidatoria" de tres lanchas con soldados da OTAN na zona de baño, o que non só "constitúe un grave problema de seguridade" senón que responde a unha actitude "chulesca, criminal e deplorable que os militares da OTAN demostraron alá onde actúan".

A xuízo de EU, a OTAN "pensa que todos os teatros onde operan teñen patente de corso" e poden "desde violar, matar ou roubar arbitrariamente, a como neste caso, utilizar as costas e praias como o seu coto privado".

Finalmente, EU anima aos bañistas que poidan ver perigar a súa integridade a que denuncien o acto ante as administracións local e estatal e asegura que levará ao Congreso unha pregunta á ministra de Defensa sobre este incidente.

No hay comentarios:

Publicar un comentario