miércoles, 30 de septiembre de 2009

EU-IU DENUNCIA QUE O CONCELLO PRETENDE APROBAR UNHA "ORDENANZA CÍVICA" REPRESIVA, INNECESARIA, PLAXIADA E IRREAL

O texto proposto é unha copia literal da polémica ordenanza cívica de Barcelona

1. En primeiro lugar, EU-IU entende unha desconsideración que se presente aos/ás lucenses un texto que é unha tradución literal da polémica Ordenanza de Barcelona. Calquera cidadán pode comprobar en internet que se trata do mesmo texto co único cambio na denominación da cidade, incluso con faltas de ortografía porque está traducido electrónicamente e coas mesmas sancións económicas.Amosa, polo tanto, que o goberno municipal nin sequera se preocupou por elaborar unha norma propia, demostrando unha vez máis a súa incompetencia.
Cópiase unha ordenanza que:
• Non se axusta á realidade de Lugo, por estar centrada nunha problemática e unha realidade moi diferente.
• Fracasa claramente en Barcelona porque non se corrixen os problemas para os cales foi aprobada
http://www.elpais.com/articulo/cataluna/prostibulo/aire/libre/elpepu/20090901elpcat_2/Tes
• Xenera máis problemas: en Barcelona póñense moitas multas pero só chegan a cobrarse unha mínima parte delas

2. Trátase dunha unha ordenanza de carácter fundamentalmente represivo co obxectivo político real de recuperar os votos da dereita. Como dato, dicir que en 42 páxinas aparece a palabra prohibir 52 veces.
3. Segundo o goberno municipal ten cinco obxectivos fundamentais: eliminar o "botellón", os chamados "gorrillas", a venda ambulante non autorizada, o exercicio público da prostitución e o vandalismo. E para elo só lle resta "prohíbir prohibir": Prohibición de pegar carteis, colocar publicidade nas lúas dos coches, patinar en lugares non habilitados para elo, ...
4. Valoración:
Algunhas valoracións sobre o borrador de ordenanza:
- Convértese ás vítimas en culpables.
- Segundo di a propia ordenanza: "... As reunións masivas de xovenes en prazas, parques públicos co alcohol como "vehiculizador" [...] [son] Unha situación de risco engadida pola percepción de accesibilidade ao alcohol e polo efecto de contaxio social que produce".
Esquerda Unida sinala que a percepción de accesibilidade ao alcohol é inevitable nunha cidade con máis de 1.300 locais de hostalería (habería que sumar tendas e supermercados). Sen embargo o Concello segue concedendo licenzas de apertura.
- "Percepción de accesibilidade ao alcohol" cando en Lugo se retiraron centos de multas (moitas delas de personalidades da Deputación, Concellos, Igrexa, etc.) Que na maioría eran por superar a taxa de alcoholemia. Curiosamente, o responsable da ordenanza cívica, o concelleiro de Protección da Comunidade, Réxime Interior e Transportes é un dos imputados por retirar multas.
- Ao Concello non lle sobra o alcohol, sóbralle o "botellón".
- A administración ten as súas obrigas e parece que só debe pagar os pratos rotos a cidadanía: Que afecta máis á comunidade, as torres previstas no parque ou o botellón nas súas costas? Un grafiti ou as 16.000 vivendas abandonadas? Molesta máis un rapaz en patinete ou "a cidade sen lei" para os coches e motos?
- As feiras están reguladas, pero non se lles aplica a normativa. Exemplo: no rastrillo da Soedade.
- Hai locais nocturnos que pechan ao mediodía do día seguinte durante toda a fin de semana, e non son sancionados

5. Conclusión
Esquerda Unida considera que en Lugo non é necesaria unha ordenanza cívica, que existen normas suficientes que, sen embargo, non se aplican. E non se aplican porque, por exemplo, a policía local leva anos en folga de "brazos caídos" por desencontros co goberno municipal. Quen vai aplicar unha ordenanza destas características?. O problema do tráfico é máis grave, con atropelos e mortes, e non se actúa. O que enecesitan os lucenses é que se apliquen as normas.
En todo caso, EU-IU elaborou un documento alternativo para mostrar as claras diferenzas de visión sobre a regulación na cidade. É evidente que na vida cotián xurden conflictos que solucionados axeitadamente poden derivar de modo positivo na mellora da convivencia cidadá. A súa solución non pasa por medidas coercitivas, represivas e puramente sancionadoras. A solución pasa por modelos preventivos e educacionais baseados en valores colectivos, que permitan a asunción da responsabilidade individual e unha solución voluntaria e consciente.
Esquerda Unida manterá xuntanzas con colectivos para denunciar a ordenanza que o Concello plaxiou e explicar a súa proposta alternativa. Desde logo, de seguir adiante con esta ordenanza EU-IU non descarta mobilizacións.
Sinalar que, como ven sendo habitual, o goberno municipal reuniuse con asociacións pero non incluiu (unha vez máis) a Esquerda Unida.

No hay comentarios:

Publicar un comentario